Convocada a terceira edición de Hazruído, o certame que premia aos que estendan máis o brazo na Rede

venres, 10 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Entrega de premios do ano pasado, na que se recoñeceu a orixinalidade e repercusión de Todosconlapantoja.com, unha web na que se agasallaba con pulseiras aos seareiros da cantante.

A Rede é ás veces coma un gran estanque ao que tirar unha pedra. E, decote, hai premio para quen xere máis ondas. Por exemplo: o que se entrega cada ano no concurso Hazruído de marketing viral en Internet, un certame que recoñece, como ben se indica no seu nome, o mellor compoñente vírico dunha proposta en liña, entendéndose por isto a meirande capacidade de espallarse pola Internet coma un andazo de gripe. Os responsables do concurso, que están arestora dando a coñecer a terceira edición, son as empresas Alianzo e Strands, que dan comezo ao evento a partir do día 15 deste mes, rematando o proceso de procura da campaña de meirande visibilidade e repercusión o 15 de decembro.
Ao logo dese tempo, cada participante poderá crear unha ou máis webs, con ou sen vídeos, co fin de acadar que a súa sexa a máis visitada e a que ostente o meirande número de ligazóns. Algo así como lograr impoñer a túa voz sobre todas as demais.
Formarán parte do xurado blogueiros e expertos en promoción en liña: Alvaro Ibáñez (Microsiervos), Javier Capitán, Gina Tost (Ginatonic), Antonio Delgado, Sonia Blanco, Jordi Évole (el follonero), Eduardo Arcos (Alt1040), Alex Dolara (gañador do ano pasado), José Carlos León e Jonan Basterra (Pixel).
O concurso ten dúas modalidades: posicionamento en Google e marketing viral. Por certo que os gañadores de cada categoría recibirán como premios: un computador portátil Apple MacAir de 13 polgadas (mellor posicionamiento) e un iPod Touch e unha campaña valorada en 1.500€ (mellor campaña de marketing viral). O mellor vídeo recibirá como premio unha video cámara Sony DCR-3R35E con disco duro incorporado. Asemade, indicar que o desenvolvemento do certame vaise poder seguir de preto na páxina web de Strands.

PUBLICIDADE