Convocadas as primeiras xornadas sobre audiovisual e gastronomía en Lugo

luns, 31 de maio do 2010 Raquel Noya

No marco dun convenio de colaboración entre a Fundación TIC e o Instituto de Educación Secundaria IES Sanxillao, veñen de dar comezo, hoxe mesmo, as primeiras xornadas adicadas á cociña, ó cine e á televisión, que, baixo o nome Focos e Fogóns e Comer de Cine, reúnen en Lugo a experimentados profesionais dos devanditos sectores.
Xa que logo, dende hoxe e ata o vindeiro venres 4 de xuño, a cidade de Lugo acollerá por primeira vez un peculiar encontro no que se proxectarán para os alumnos de dous centros lucenses, varios documentais e películas que teñen como núcleo a gastronomía.
Asemade, o persoal encargado organizará encontros e charlas cos autores destas obras xunto a profesionais vinculados ó cine, á televisión e á gastronomía.
As xornadas Focos e Fogóns desenvólvense grazas á colaboración da Escola de Hostalería do IES Sanxillao, e da súa terceira edición de Comer de Cine, actividade a través da que o centro educativo amosará a súa especialización e profesionalidade preparando menús adicados ó mundo do celuloide. Esta vez, o título das xornadas é Comer de Cine III. Europa, Europa!!, baseándose en comidas que aparecen en clásicos do cine europeo.
O encontro contará coa presenza de personalidades da vida lucense e profesionais do mundo audiovisual e gastronómico onde o bo xantar estará máis que asegurado.
As actividades deron comezo cun encontro con Jorge Coira, director de Que culpa tiene el tomate, premiada na categoría de mellor película documental na pasada edición dos Premios Mestre Mateo 2009. Este mantivo unha sesión de traballo cos alumnos dos dous centros na que se proxectaron os materiais promocionais do seu último traballo cinematográfico 18 comidas que se estrea este mesmo mes no Festival de cine de Taormina en Sicilia.
De martes a xoves, no comedor do IES Sanxillao, poderase degustar o menú elaborado a partir de diferentes películas do cine europeo como Frenesí, Amelie, Amarcord, Vatel, Rufufú e moitas outras, coas que o Departamento de Hostalaría amosará a formación e a competencia profesional dos alumnos que cursan ciclos formativos desta especialidade.
O xoves, 3 de xuño, a xornada comezará coa proxección ás 11 da mañá do documental Un día en El Bulli, unha produción de VISUAL13 para TVE dirixida por Albert Adrià e que recibiu a Medalla de bronce na Categoría de programa cultural no Festival Internacional de Televisión y Cine de Nueva York e Mellor documental de Filosofía de Empresa e Retrato en Word Media no Festival de Hamburgo. Vicenç Asensio, realizador e director creativo de VISUAL 13 será quen desvele aos alumnos as claves do traballo no proceso de creación dun documental que recolle o traballo durante unha xornada de 18 horas nas cociñas do recoñecido restaurante de Ferran Adriá. Ás 17:00 horas da tarde unha mesa redonda sobre cociña e televisión, moderada e presentada polo xornalista Manuel Gago analizará as claves do éxito dos formatos audiovisuais asociados ó mundo da gastronomia, e na que estarán os programas Larpeiros da TVG e España Directo de TVE.
En torno á mesa de Comer de cine, reuniranse representantes de institucións, do sector audiovisual
- entre eles os actores Federico Pérez (Josito en Padre Casares) e Víctor Fábregas (Tucho)-, da hostalaría e da educación, nunha xornada que pretende amosar as posibilidades de maridar recursos e formación de familias profesionais como Imaxe e Son e Hostalaría e Turismo.
Finalmente, o venres o profesor Juan Marey disertará sobre a Escritura e xéneros cinematográficos.

PUBLICIDADE