Convocados os Premios Focus ao Coñecemento Libre

xoves, 11 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Que a información estea aberta e cen por cen accesible é positivo para a sociedade e, tamén, para a propia información. A fin de contas, ela mesma (aínda que non se mova) leva interiorizado o seu vindeiro paso: darse. Recoñecer este tipo de actividades é o gran obxectivo da manchea de galardóns arredor do software e do coñecemento accesible que se están organizar no mundo, sendo un dos máis comentados arestora o que convoca a Iniciativa Focus: os galardóns do mesmo nome ao Coñecemento Libre. O certame, que chegará ao seu punto álxido na entrega de premios prevista para a Conferencia Internacional de Software Libre (días 20, 21 e 22 de outubro), está como non podía ser doutro xeito aberto a todo tipo de participación. Por unha banda poderemos achegar os nosos proxectos e pola outra propor aqueles que non parezan máis salientables.
De feito, o concurso apóiase de principio a fin na participación, polo que se desenvolverá a través dun proceso de votacións en liña. A intención de Iniciativa Focus non é outra que tentar que non pase de longo a oportunidade de recoñecer a todas aquelas persoas que teñan achegado máis á comunidade de software libre, polo seu traballo e dedicación.
Os premios, interactivos e nacionais, inclúen unha primeira volta (a proposta xeral dos nomes dos candidatos) e unha segunda (o subministro de votos para elixir gañadores).

PUBLICIDADE