Creada unha alianza de alianzas en contra da descarga de cancións e filmes na Rede

luns, 16 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Erradicar a piratería en Internet. Este semella ser o lema da fronte común creada pola industria co fin de protexerse a si mesma e, sobre todo, aos seus intereses, dunha das prácticas máis estendidas nos últimos tempos entre os seareiros da música e do cinema e dos videoxogos en xeral e que máis pesadelos lles provoca aos representantes do sector: a descarga de ficheiros pola Rede protexidos con licenzas copyright. A nova fronte, que se dá a coñecer cun nome que fala por si só e que sen dúbida causará arrepíos enunciado de corrido na porta dun fogar ou oficina conectado á Internet (chámase Coalición de Creadores e Industrias de Contidos de España), non xorde precisamente nada: o feito de que se teña constatado que en España máis da metade dos internautas descargan música, filmes e xogos protexidos vén a ser para coma a pinga que reborda o vaso da paciencia.
Detrás deste acordo de entes velando polo respecto ás licenzas pechadas de protección de autoría, sitúanse os representantes dos artistas e máis dos produtos de contidos españois: PROMUSICAE e SGAE (dous vellos coñecidos), a entidade de xestión dos dereitos dos produtores audiovisuais (EGEDA), a Asociación de Distribuidores Cinematográficos (a ADICAN), a Federación para a Defensa de Propiedade Intelectual (FAP) e a Asociación de Distribuidores de Vídeos (ADIVAN).
En total, a nova fronte común representa a máis de 6.500 produtores de música (que é o 95% do sector en España), 91.200 creadores de cinema, música e artes escénicas e seis colectivos de produtores, distribuidores e provedores. Como dixemos, o gran reto desta coalición é combater (vía presencial e na Internet) que os usuarios das novas tecnoloxías da información empreguen estas ferramentas para descargar música e cinema e outro tipo de produtos protexidos por licenzas de autor pechadas, copyright. Co fin de levar a cabo esta tarefa (nada desprezable, tendo en conta o asentada que está a costume de usar redes p2p para compartir ficheiros e coñecemento), a alianza procurará un cambio na lexislación vixente, co fin de que dunha vez por todas se identifique en España como ilegal o feito de baixar arquivos de xeito non autorizado pola Rede. Para comezar, os seus integrantes xa anuncian que presionarán ao Goberno para que “lidere a loita contra a piratería”, que ao seu xuízo segue a ser motivo de grandes perdas económicas e até culturais (estas prácticas, din, afogan a posibilidade de dar a coñecer filmes ou cancións e mesmo vivir das artes).

PUBLICIDADE