Criticas ao CSIC por excluír o galego na Rede

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Redacción

Sede en Santiago do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

Ao Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) estanlle caendo estes días unha serie de críticas dende varias frontes por algo que se viña constatando dende hai tempo: a súa escasa aposta polo galego nas súas comunicacións. O centro, que malia depender do Ministerio de Economía ten na nosa terra unha ampla presenza (dispón de delegación de seu e cinco centros, incluído o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, de titularidade compartida coa Xunta), exclúe a nosa lingua de maneira sistemática nas súas informacións en liña (na súa páxina web e redes sociais Facebook e Twitter, e tamén nas notas de prensa e comunicacións e convites que achega aos seus contactos a través de Internet). Por este motivo e en virtude das queixas presentadas, o CSIC foi requirido pola Valedora do Pobo, Milagros Otero, para dar conta dos porqués deste desleixo polo galego.
Segundo fai saber o impulsor da denuncia (emitida no mes de novembro), esta non inclusión da nosa lingua nas comunicacións do CSIC, malia ser este centro especialmente activo na nosa terra e colaborar con múltiples entidades e investigadores galegos (obtén recursos económicos da Xunta), “vulnera cheo todo o edificio dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos, o que é de especial gravidade polo carácter público desta institución”. Segundo se nos lembra, en decembro a Valedora do Pobo respondeu á solicitude admitíndoa a trámite e certificando a súa pertinencia para solicitar ao CSIC que renda contas sobre o seu (non) uso do galego.

PUBLICIDADE