Culpan a Bono da filtración de 4 temas do seu vindeiro disco

luns, 18 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Representación da filtración mesturando os logos de U2 e YouTube publicada por The Sun

A filtración de cancións á Rede antes do seu lanzamento non é algo infrecuente, normalmente por culpa de persoal intermedio (da discográfica, a empresa de replicado dos discos ou mesmo de críticos musicais) pero desta volta temos que Bono, o líder de U2, sería o culpable de que en YouTube aparecesen uns vídeos nos que se podían escoitar 4 temas do seu vindeiro disco, pois segundo parece os estaba a escoitar a un volume moi alto, o que aproveitaron uns transeúntes para gravar as cancións ao recoñecer que a voz que as cantaba era a de Bono.
Non sería a primeira vez na que a U2 lle acontecese algo semellante (unha copia sen rematar de How To Dismantle An Atomic Bomb xa aparecera no seu día na Internet) pero sorprende que un dos autores sexa o causante da desfeita, aínda que non parece que a filtración dos temas vaia a supor ningún problema para o novo álbum do grupo (xa que a música esta reproducida con moi mala calidade).

PUBLICIDADE