Cultura Vai dá conta a través dun único sitio da programación cultural pública galega

luns, 12 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Nunha Sociedade do Coñecemento ideal, os datos que procuramos deberían estar ó outro lado dun número mínimo de portas. Isto é aplicable a calquera ámbito, pero se cadra é o cultural un dos eidos onde máis se está a reclamar a feitura da xanela única. Ou, mellor dito: a feitura de axenda única. Algo disto (e de achegar unha imaxe de marca que unifique o que se fai nos escenarios galegos) hai nun proxecto web da Consellería de Cultura xa operativo, aínda que suxeito a labores de construción e desenvolvemento. Falamos de Cultura Vai, que xorde co obxectivo non oficial de poñer máis orde na Internet e co oficial de achegar cumprida información sobre a oferta de actividades e espectáculos de todos os circuítos habilitados.
A iniciativa, que se estreou co ciclo Titirimaxia, inclé a información da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Circuíto 4x4, Espazos Sonoros, Cinemas Dixitais, Rede Galega de Música ao Vivo, Titirimaxia e as demais actividades neste senso da Consellería, polo que se constitúe como o máis semellante que hai hoxe en día na Rede a unha axenda referencial galega de eventos culturais de índole pública.
Máis polo miúdo, subliñar que deste proxecto está o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), organismo autónomo adscrito á Consellería de Cultura. Polo que respecta á feitura da plataforma Cultura Vai, cómpre dicir que o que se pretendía acadar era ante todo un espazo funcional, segundo sinala o IGAEM, que puxese ó internauta o máis preto posible da información procurada e sen interpoñerlle atranco algún. É dicir: entre o usuario e o calendario de funcións programadas onde está a actividade procurada non hai máis que un paso.
A idea dos responsables da plataforma é a de incorporar en breve a meirande cantidade de áreas artísticas, amais de ampliar no posible os datos que se ofrecen de cada actividade en concreto, mesmo con información audiovisual (algo así como achegarnos unha xanela ó evento que nos interesa). Neste intre, os datos que se subministran sobre cada actividade inclúen xa o seguinte: ligazóns, historia e recursos da compañía, valoración dos internautas, documentación gráfica, programación e datos sobre a obra en si mesma (sinopse, duración, público ó que se dirixe, clasificación, ficha artística, ficha técnica etc). Sinalar que esta listaxe de recursos sobre cada concerto ou obra de teatro vai ser ampliada en breve con vídeos ou mesmo coa posibilidade de mercar en liña as entradas para o espectáculo en cuestión.
Por certo que Cultura Vai permite acceder á información a través de filtros xeográficos, temáticos, por espectáculos e por datas. Asemade, os usuarios poden subscribirse para recibir a axenda de espectáculos no seu correo electrónico, así como votar as montaxes para orientar os futuros espectadores.
Neste intre, estando xa á vista a celebración das nosas Letras, a plataforma Cultura Vai está especialmente activa, ofrecendo todo tipo de recursos sobre os moitos espectáculos que, de xeito directo ou non, conmemoran a nosa cultura dende os escenarios e, por suposto, tamén dende a Rede.

PUBLICIDADE