Cultura salienta na xornada Xogar tamén é cousa seria as posibilidades do videoxogo no ensino

martes, 30 de xuño do 2015 Redacción

Hoxe estase a celebrar na Cidade da Cultura de Santiago a xornada Xogar tamén é cousa seria. Experiencias na creación de videoxogos en Galicia, un encontro que nos convida a debater sobre as diversas posibilidades que ofrece o lecer dixital no ensino e na comunicación. A cita é no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e vén da man da Secretaría Xeral de Cultural co apoio de AGADIC e do IGAPE, amais de contar coa firma Imaxin en traballos de coordinación. A xornada foi inaugurada a primeira hora polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que salientou o enorme potencial do xogo en canto a experiencia, aprendizaxe, información e desenvolvemento do noso intelecto.
Ademais, lembrou a consideración, aceptada polos poderes públicos e o ámbito creativo, do xogo e o videoxogo “como produtos culturais transversais”, en recoñecemento do seu valor integrador, de difusor da cultura e de espazo de aprendizaxe, “cuxo desenvolvemento incide na dinamización de toda a industria cultural”, engadiu, ao tempo que salientou o traballo do sector do videoxogo en Galicia.
No acto de apertura da xornada participaron tamén a xerente do Igapex, Mª Dolores García de los Huertos Vidal; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil.
No evento amosaranse en detalle diferentes experiencias de lecer dixital levadas a cabo nas máis variadas contornas e con obxectivos ben dispares: produtividade empresarial, incremento de vendas, impulso á formación, melloras na saúde e no ensino, etc. Ao fío disto, boa parte da xornada oriéntase a achegar a industria do videoxogo en Galicia a ámbitos onde non se xoga pero que amosan potencial de abondo como para acubillar actividades desta índole.
A iniciativa, que tamén abordará a situación actual e futuro dos videoxogos en Galicia, está dirixida especialmente a xerentes, directores, responsábeis de departamentos de comunicación, de recursos humanos ou de publicidade de empresas de Galicia, así como a persoal das administracións públicas, responsábeis de centros de formación, grupos de investigación ou novos emprendedores de solución tecnolóxicas interesados en coñecer e afondar na potencialidade da tecnoloxía dos videoxogos.
Segundo informa a organización, na xornada presentaranse recursos destinados ao eido sanitario, con programas para exercitar a cognición social e informar sobre hábitos sexuais saudábeis; ao educativo, con ferramentas vinculadas coa reciclaxe e o cambio climático; ou ao empresarial. Ademais, tamén haberá unha mesa redonda onde profesionais de Ficción Producciones, de Iberian Games, de A Meiga e de imaxin|software ofrecerán a súa visión desde o punto de vista dos desenvolvedores.
O programa
9:15 h Recepción de asistentes
9:30 h Apertura e presentación
9: 45 h Sanidade: e-motional training. Alejandro García Caballero, psiquiatra do Hospital de Día Complexo Hospitalario Universitario Ourense
10:15 h Reciclaxe: os xogos de SOGAMA. Teri Campos Mosquera, responsábel de comunicación de SOGAMA.
10:45 h Experiencias en empresas. Silvia López Gómez, pedagoga especialista en videoxogos e investigadora da USC
11:15 h Educación: videoxogo CLMNTK. Francisco Sóñora, director do proxecto Climántica
11:45 h Pausa-café
12:15 h Redes sociais: Sex Invaders. Cristina Márquez Riveras, técnica do plan galego anti VIH-SIDA e outras infeccións de transmisión sexual
12:45 h Mesa redonda: a visión dos desenvolvedores. Julio Casal, Ficción Producciones. Xosé Manuel Rey Piñeiro, Iberian Games. Ismael Faro, A Meiga. Modera: Luz Castro, imaxin|software
13:45 h Conclusións da xornada

PUBLICIDADE