Culturgal abrirá mañá as súas portas coa presenza de destacadas personalidades do sector

xoves, 1 de decembro do 2011 Raquel Noya

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística, será un dos encargados de inaugurar o evento

A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, conta cos dedos as horas que restan para que mañá, a partir das 12:00 horas do mediodía, dea comezo o evento cultural máis importante do noso país, a Culturgal 2011, que este ano ofrece un programa que inclúe máis de 130 actividades aptas para tódolos públicos.
Os encargados de inaugurar a edición deste ano da feira de contidos dixitais máis importante de Galicia, non podían ser outros que os que fan posible que ano tras ano este evento teña lugar, e a quen temos que agradecerlle o seu apoio incondicional; son por exemplo, o director de Agadic, Juan Carlos F. Fasero; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, que logo de dar por inaugurada a feira, realizarán unha visita guiada polo director da mesma, Sergio Lago.
O periplo realizará a súa primeira parada no stand da Consellaría de Cultura e Turismo, onde serán recibidos pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.
Grazas aos devanditos apoios institucionais, ao do Ministerio de Cultura, e tamén en gran parte ao apoio dos principais colectivos profesionais constituídos na Asociación Culturgal, é posible que o Pazo de Cultura de Pontevedra se converta por uns días no berce das industrias culturais galegas máis innovadoras, así como no lugar dende onde proxectar a nosa cultura a todo o mundo, a través de distintos formatos e técnicas.
Os avances das novas tecnoloxías permitiron que a música, o audiovisual, as artes escénicas, a pintura ou o cine, entre outras artes, teñan unha nova razón de ser e unha nova vía de espallamento máis eficaz ca nunca, chegando a públicos insospeitados ata o momento.
Dende o Foro Culturgal, encontro privilexiado na Feira para os axentes do sector, daranse a coñecer esas técnicas, esas metodoloxías, eses novos medios... en definitiva, esa nova vía aberta cara a internacionalización, que está a disposición de cantos axentes queiran botar man dela, aproveitando o intercambio de ideas, de experiencias e de proxectos que posibilita.
Xa que logo, mañá só nos queda pechar os ollos, deixarnos levar, e adentrarnos nesta feira de ilusións en Pontevedra, onde os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías, nos mostrarán os seus segredos mellor gardados para facernos soñar con cada creación.

PUBLICIDADE