Culturgal regresa en inverno co obxectivo de levar a nosa cultura á vangarda da comunicación dixital

martes, 5 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este martes a presentación da nova edición, a quinta xa, da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, un evento que aínda que non trate directamente das novas tecnoloxías da información, a temática principal de Código Cero, si que adoita dar acubillo a múltiples iniciativas de aproveitamento das redes e do software para a creación, desenvolvemento, promoción ou distribución das achegas culturais galegas. A nova convocatoria non será unha excepción a esta norma, máis ben confirmará o que xa sospeitabamos: que a marca galega cobra nova vida no mundo 2.0. Culturgal conta este ano co patrocinio de AGADIC, o Concello de Pontevedra e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Celebrarase do 30 de novembro ao 2 de decembro no Pazo da Cultura da dita cidade.
Na presentación celebrada este martes en Pontevedra participaron Xulio Amigo e Sergio Lago, presidente e director da Asociación Culturgal, e os tres patrocinadores principais: Juan Carlos Fernández Fasero, director de AGADIC; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Todos tiraron proveito da ocasión para celebrar o afianzamento da cita da cultura galega, “que encherá unha vez máis a cidade do Lérez de música, literatura, creación audiovisual, danza, teatro, deseño e novas tecnoloxías da información e o coñecemento”, informaron. Xulio Amigo lembrou que “Culturgal 2011 estivo ateigada de público” e, “o que é aínda máis importante para nós, que toda esa xente estivo cómoda no fogar da cultura galega, que é o seu fogar”. O presidente da Asociación, amais de presentar a memoria da edición anterior, dispoñíbel xa na Web xunto con múltiples recursos dos que damos conta máis abaixo en diferentes formatos, agradeceu o apoio dos patrocinadores, pero fixo saber que este ano hai un descenso significativo nas súas achegas. A organización agarda ver compensado este “descenso” a través de novos patrocinios, públicos e privados, como a través da captación de ingresos propios. Amigo lembrou que “Culturgal é unha ferramenta de promoción da que se beneficia toda a cadea de valor das industrias culturais, unha ferramenta común que camiña cara ao autofinanciamento, co apoio dos seus tres patrocinadores principais”.
Volvendo á memoria de actividades e froitos acadados na edición anterior, a organización de Culturgal recordou que os ingresos propios da feira aumentaron o ano pasado un 70% con respecto á convocatoria anterior. “Un piar importante desta liña”, dixo Xulio Amigo, “é o aluguer de espazo ás entidades expositoras, que veñen aumentando ao longo das últimas edicións”. Ao fío do devandito, Sergio Lago explicou que dende hoxe mesmo poderán alugar o seu stand en Culturgal todas as empresas, persoas, asociacións e outras entidades que produzan, desenvolvan, difundan, xestionen ou comercialicen produtos e servizos culturais no ámbito galego ou dende Galicia. As que o fagan antes do 30 de xuño contarán cun prezo especial e terán prioridade á hora de escoller espazo. A organización ofrece ademais este ano facilidades no pagamento dos stands cunha nova opción, pola cal poden formalizar agora a contratación de espazo por tan só 100 € e abonar o resto unha vez finalice a Feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento.
O encontro celebrado este martes cos medios tamén serviu para informar da apertura do prazo para que tódalas empresas, persoas, asociacións e entidades que desexen presentar os seus proxectos en Culturgal fagan as súas propostas á organización. O prazo remata o 20 de setembro.
Toda a documentación na Rede
· O Manual do Expositor en PDF e o Formulario de solicitude de stand en .doc.
· As Bases da convocatoria en PDF e o Formulario de proposta de actividades en .doc.
· As memorias Culturgal 2011 en PDF e Culturgal 2010 en PDF
· Tamén están dispoñíbeis as fotos de Culturgal 2011 e os vídeos de Culturgal 2011.

PUBLICIDADE