DAZN estrea unha oferta de contidos de balde

martes, 23 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A plataforma de streaming de deporte DAZN lanza en España unha proposta para os seareiros do deporte coa que poden gozar de balde dunha selección de contidos coa única esixencia de crear unha conta de usuario na aplicación.
Cada semana DAZN ofrecerá aos usuarios rexistrados unha selección de directos de fútbol, pádel, MMA, balonmán, dardos e outras competicións, como un reclamo para que os usuarios se acheguen á plataforma (o que serve para promocionar os seus plans de pagamento).
Entre os contidos de balde en DAZN estarán o torneo de fútbol Riyadh Season Cup e 3 partidos de fútbol feminino por xornada. Como exemplo da oferta de contidos deportivos, o vindeiro venres ofrecen encontros de fútbol feminino ás 14:00, 16:00 e 18:30, mentres que ás 19:00 retransmitirán un campionato de dardos (Dutch Darts Masters 2024) e ás 21:00 unha competición de artes marciais mixtas (Hexagone 2024).

PUBLICIDADE