DC Comics xa edita simultaneamente en papel e formato dixital

xoves, 8 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O iPad está a contribuír ao atractivo da lectura de comics en formato dixital

O pasado 31 de agosto foi unha data moi especial para DC Comics, pois a editorial norteamericana reiniciou as súas coleccións nunha arriscada aposta para revitalizar as vendas facendo que os lectores poidan achegarse ás distintas coleccións sen coñecer as historias que se contaron nas mesmas no pasado, pero este reboot viu acompañado cunha iniciativa tan ambiciosa como inevitable: a publicación simultánea dos comics en papel e en formato electrónico. Este paso é un tanto tímido, pois o prezo dos comics en dixital teñen o mesmo prezo que as edicións impresas (para protexer o negocio das librarías), o que non resulta moi razoable, pero que serve para analizar a madurez deste tipo de publicacións, cuns resultados bastante positivos.
Cómpre destacar que o sector do cómic é moi distinto ao dos libros, e pese a que nos últimos 70-80 anos foron o referente cultural da mocidade norteamericana, levan varias décadas relegados a tendas especializadas que non paran de pechar por mor da crise económica e da perda de lectores (principalmente por non captar novo público), de aí que o negocio teña que mudar dun xeito radical.
Polo momento DC optou por chegar a un acordo con Comixology para distribuír os seus comics dixitais a través da Internet, de xeito que os comics dixitais están dispoñibles para ordenadores e dispositivos con iOS e Android, polo que temos unha solución moi na liña de Apple, na que hai unha fusión entre a tenda de contidos e o dispositivo de lectura, o que facilita o acceso ao material e dificulta as copias non autorizadas.
Aínda que nun principio podiamos pensar que a distribución dixital de comics podería quedar nunha mera anécdota froito dunha experiencia piloto, a práctica parece ser ben diferente, e agora que temos publicación simultánea comentan que podería supor o 10-15% dos comics vendidos, o que é un volume máis que significativo se temos en conta que os dispositivos nos que resulta máis atractiva a lectura en dixital (os tablets) aínda non son moi populares, polo que parece que estamos ante o formato do futuro, aínda que dende DC aseguran que están a buscar novas fórmulas para revolucionar o xénero, de xeito que os comics non se limiten a ser unha versión escaneada da edición impresa, e incorporen innovacións narrativas e elementos sociais.
De todos os xeitos, parece que a época dourada do sector non vai volver, xa que na actualidade case ningún cómic supera os 100.000 exemplares vendidos nos EE.UU., cando hai 20 anos algún número chegou a superar o millón de copias e hai poucos anos incluso algún número de Batman superaba as 650.000 unidades vendidas; polo que os cambios que están a facer as editoriais o que buscan principalmente e non seguir perdendo lectores e salvar unha certa fenda xeracional que está a matar a industria da novena arte.

Páxina de entrada da aplicación de DC Comics para iPad

PUBLICIDADE