DC fará máis interactivos os seus comics dixitais

mércores, 5 de xuño do 2013 Marcus Fernández

O primeiro cómic en integrar DC2 será o primeiro número de Batman ’66

O mundo do comic leva meses apostando con moita forza polo soporte dixital, grazas en boa medida pola emerxencia dos tablets, pero mantendo o formato adoptado historicamente no papel, o que DC Entertainment quere comezar a rachar introducindo innovacións que engadan certo nivel de interactividade no que serán os formatos DC2 e DC2 Multiverse.
Con DC2 intégranse capas dinámicas nos paneis dos comics dixitais, engadindo unha nova dimensión á narración dixital, mentres que DC2 Multiverse permitirá que o lector elixa o camiño polo que transcorrerá a historia na liña dos populares libros de Elige tu propia aventura (de Timun Mas).
O primeiro cómic que fará uso de DC2 será o número 1 de Batman ’66, unha colección inspirada na serie de televisión de Batman que botaban pola TVG (protagonizada por Adam West), e que aproveitará as capas dinámicas para levar á banda deseñada boa parte da esencia retro da serie de televisión, animando as súas secuencias dun xeito curioso.

Exemplo das técnicas de animación que empregarán en DC2

Para ver en acción o formato DC2 Multiverse teremos que recorrer a Batman: Arkham Origins, cómic inspirado no videoxogo homónimo que veremos este mesmo ano, e que tamén incluirá imaxes dinámicas, sons e banda sonora, permitindo que o lector decida o curso de cada arco argumental e personaxe.
Estas novas propostas completan á política de publicar os comics en dixital o mesmo día que o seu lanzamento en papel, que inicialmente realizábase só a través de ComiXology, pero que pouco a pouco van ampliando a súa distribución a través das tendas dixitais de Apple, Amazon e B&N.

PUBLICIDADE