DEV fortalécese con dez novas empresas de videoxogos, incluída a galega Three Golden Monkeys

mércores, 23 de xuño do 2021 S. P.

A asociación española de empresas de videoxogos DEV vén de fortalecer a súa actividade e os seus obxectivos con dez novas incorporacións, co que suma xa 90 asociados de todos os recantos da xeografía estatal. Entre estas novas adhesións inclúese a da galega Three Golden Monkeys, con sede en Vigo.
A maiores, recibiu a incorporación de Axes in Motion, Brytenwalda Studios, Fas3 Estudios, Killbug Studio, Naduku, Odders Lab, Saona Studios, Vermila Studios e AWS Game.
Volvendo a Three Golden Monkeys, é unha empresa de desenvolvemento de videoxogos e tecnoloxía de comercio electrónico con sede na cidade de Vigo. O equipo provén do mundo da mercadotecnia dixital e do desenvolvemento de software multitecnoloxía, con máis de 8 anos de experiencia na industria do videoxogo a través dos estudos independentes MIMO Games e Altivasoft. Desenvolven videoxogos para plataformas móbiles con máis de 40 millóns de descargas na súa traxectoria no sector.
DEV representa os intereses dun centenar de empresas desenvolvedoras de videoxogos tanto españolas como internacionais con sede en España e entidades comprometidas coa evolución deste sector. Ten como obxecto “avogar polo seu recoñecemento institucional como industria estratéxica, altamente tecnolóxica, motor de novos modelos de negocio, xeradora de emprego e expoñente internacional da nosa cultura”.

PUBLICIDADE