DIXITEGA comeza este outono a creación e testeo dunha plataforma ao servizo da Tenreira Galega

luns, 2 de outubro do 2023 S. P.

A cadea de valor de IGP Tenreira Galega confirmou a necesidade de contar “cunha plataforma TIC sólida e flexíbel”. Fíxoo nun estudo pormenorizado sobre as súas necesidades. O resultado será unha ferramenta avanzada que comezará a corpo este outono, segundo informou DIXITEGA.
A devandita é unha das principais conclusións do proceso participativo realizado polo Grupo Operativo DIXITEGA para impulsar a dixitalización do sector. Durante este proceso consultouse a súa opinión a unha mostra de responsábeis da produción, fabricantes de penso, industria cárnica, distribución ou entidades de asesoramento. A maiores, a Indicación Xeográfica Protexida compartiu unha enquisa en liña entre os seus máis de 2.000 asociados para recoller as súas impresións sobre temas estratéxicos.
Segundo explican dende DIXITEGA, a análise das respostas determinou varios dos aspectos críticos que deben impulsar o éxito do sector de IGP Tenreira Galega. Neste sentido, os consultados destacaron a necesidade de contar “cunha plataforma TIC de datos sólida e flexíbel que combine fontes de datos nacionais e internacionais”. En base a isto, a recepción positiva da plataforma e o seu valor potencial para mellorar a eficiencia do sector “debería impulsar un maior desenvolvemento”, sinalan desde a Fundación Juana de Vega, entidade coordinadora do Grupo Operativo Dixitega e responsábel do proceso de participación.
A consulta, entre outras cousas, constatou que existe un interese común de información especializada como, por exemplo, o desenvolvemento dun sistema preditivo para estimar o subministro de carne e animais no mercado para os meses seguintes.
Ademais, os entrevistados na investigación suxiren utilizar a plataforma como medio de comunicación para difundir eventos, subvencións, lexislación, alertas sanitarias ou promover actividades de capacitación.
Tras este traballo previo, este outono dará comezo a terceira fase de traballo para crear e testear a plataforma tecnolóxica DIXITEGA, que será presentada a finais de 2024. O obxectivo final desta ferramenta TIC será “facilitar o acceso e manexo conxunto de fontes públicas e privadas relevantes para a cadea de valor da IGP dunha forma concisa, contrastada e visual que mellore a toma de decisións”.
En paralelo ao desenvolvemento da aplicación, organizaranse xornadas de formación para aprender a usar a plataforma, consolidar o seu uso entre os socios e mostrar como trasladar novos datos que a manteñan actualizada.
DIXITEGA conta cun orzamento de 176.329,19€ financiado pola Consellería do Medio Rural a través do Plan de Desenvolvemento Rural. Ademais da Fundación Juana de Vega (coordinadora), participan a Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, o Consello Regulador das IGPs de Carne de Vacún de Galicia, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant). As entidades colaboradoras son o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), ACRUGA e DIH Datalife.

PUBLICIDADE