Danba, a ferramenta española que controla a navegación dos menores na Rede

martes, 17 de febreiro do 2009 Raquel Noya

As preferencias dos servizo pódense definir vía web

Conta unha vella lenda que na rexión Tibetana de Danba, os pais construían unhas torres de vixiancia para protexer as almas dos seus fillos dos malos espíritus ata que estes eran maiores de idade e podían valerse por si mesmos.
Estas torres, que aínda existen na actualidade (de feito son un gran atractivo turístico), veñen de “reconstruirse” agora na Rede para volver a cumprir a súa función inicial: protexer aos menores dos perigos que os asexan, máis desta volta e adaptándose aos novos tempos, trátase de “espíritus virtuais” que habitan en Internet.
Segundo indican na web oficial desta nova ferramenta, unha de cada catro páxinas web que se visitan no mundo “son pornográficas” e as segundas máis visitadas polas nenas “son páxinas de anorexia e bulimia”.
Danba é un servizo que lle permite aos pais e familiares dos nenos e nenas que navegan pola Rede, controlar os sitios nos que se meten e vetar a súa entrada se así o ven conveniente.
O servizo, que se contrata por un prezo de 60 euros ao ano, informa puntualmente e coa urxencia requerida polos seus clientes, cada vez que os cativos e as cativas da casa accedan a unha páxina non recomendada ou con contidos perxudiciais para a súa integridade física ou moral.
Asemade, a ferramenta envialle aos seus clientes un correo electrónico detallando a navegación realizada no ordenador familiar e permítelle acceder ás súas contas sempre que queiran para ver con detalle os sitios visitados en todo momento.
Os responsables da ferramenta ofrecen máis información sobre a contratación do servizo a través desta ligazón (arquivo en formato PDF) e inclúen, na web oficial, diversas seccións con información de profesionais que aconsellan como enfocar os distintos problemas producidos por un uso indebido de Internet por parte dos e das menores.


Vídeo de presentación de Danba

PUBLICIDADE