Dáse a coñecer en Ourense o Esquema Nacional de Seguridade

xoves, 28 de abril do 2011 Redacción

As xornadas formativas sobre o Esquema Nacional de Seguridade pasan hoxe por Ourense (rematarán o vindeiro martes en Vigo) e o delegado territorial da Xunta de Galicia na cidade, Rogelio Martínez, foi o encargado de inaugurar o evento destinado a difundir o esquema nas distintas administracións galegas.
Na súa intervención Martínez asegurou que «o Goberno Galego, coa creación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, emprendeu un camiño difícil, pero imprescindible, para establecer unha política tecnolóxica unificada na Administración Autonómica que achegue resultados tanxibles cara a sociedade, a economía e, como non, cara as outras administracións públicas» e destacou a aprobación do Plan Director de Seguridade da Información da Xunta de Galicia que perfila unha serie de iniciativas orientadas a asesorar e sensibilizar ao persoal da Administración Local en materia de protección de datos, de seguridade informática e de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, contexto no que «detéctase a necesidade de promover unha serie de xuntanzas para difundir o Esquema Nacional de Seguridade entre as distintas administracións públicas, sobre todo nas entidades locais, para que tanto os seus responsables como o seu persoal estean ao tanto desta normativa, das súas esixencias de cumprimento e da forma de responder a súa correcta aplicación».
O obxectivo destas sesións informativas é analizar a esixencias derivadas da entrada en vigor do Real Decreto 3/2010 do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Esquema Nacional de Seguridade, de obrigado cumprimento por parte de todos os órganos da Administración así como por calquera entidade de dereito público dependente deles.
As xornadas permitirán, tanto aos responsables políticos das diferentes administracións galegas (autonómicas e locais), como aos profesionais das áreas técnicas, organizativas e xurídicas, familiarizarse coas novas normativas, exixencias de cumprimento e as formas de responder á súa correcta aplicación a través de sesións de formación específica, relatorios e unha mesa redonda tras a que terá lugar un debate e as posteriores conclusións.

PUBLICIDADE