A Policía advirte das faudes electrónicas co gallo da Semana Santa

venres, 7 de abril do 2017 Marcus Fernández

A Policía Nacional lembra a través da Internet que é preciso ser prudente á hora de alugar vivenda para as nosas vacacións

De cara aos períodos vacacionais é habitual que as Forzas de Seguridade do Estado realicen recomendacións para estarmos máis seguros, que tradicionalmente limitábanse a pechar ben o domicilio, evitar deixar pistas que indiquen que nos hai persoas no fogar durante as viaxes ou etiquetar correctamente as equipaxes, pero nos últimos anos as redes sociais están a cobrar un peso especial nestes consellos, e a Policía Nacional lembra certas pautas de seguridade que debemos seguir se queremos evitar estafas e outros delitos durante as vacacións.
A Policía Nacional lembra que os ciberdelincuentes aproveitan as presas das reservas de última hora para realizar estafas en operacións en liña, conseguir os nosos datos bancarios ou contrasinais ou incluso para infectar os nosos equipos con malware, e para evitar estas situacións dan consellos que nestas datas van compartir nas redes sociais como:
- ser cautelosos antes anuncios de vivendas a prezos demasiado atractivos que piden o pagamento por adiantado, sen a posibilidade de ver o inmoble e coa desculpa de que o propietario está fóra de España.
- procurar non picar nunca nas ligazóns incluídas en correos electrónicos con ofertas de reservas para os vindeiros días, pois en moitos casos poden levarnos a software malicioso ou páxinas web que procurarán roubar os nosos datos persoais.
- tamén aconsellan sermos precavidos á hora de compartir fotografías nas redes sociais, sendo respectuosos cos demais para evitar causar prexuízos. Por exemplo, recomendan pedir autorización antes de etiquetar a alguén nunha imaxe, pois lembremos que coa súa publicación podemos estar indicando a terceiros que esa persoa non está no seu fogar, o que podería pór en risco a súa seguridade.

Alugueres fraudulentos en Eivissa dende Ourense

Como exemplo da actividade mal intencionada destas datas nos últimos días a Policía Nacional practicou a detención en Ourense dun home que alugaba vivendas de Eivissa a través de coñecidas páxinas web, aproveitando a elevada demanda destas datas, cando en realidade os domicilios non existían, senón que as imaxes das mesmas correspondían a outras casas anunciadas na Rede. O detido levaba as estafas dun xeito moi coidado, con anuncios ben elaborados e incluso falsificando documentación (como facturas da luz) facendo crer ás súas vítimas que era propietario das vivendas ofertadas, para recibir logo os cartos do aluguer mediante transferencia bancaria, correo ou incluso entrega en man, tras o que deixaba de responder ás chamadas de teléfono, impedindo que os estafados puidesen reclamarlle nada unha vez en Eivissa, cando decatábanse do acontecido.

PUBLICIDADE