Dead Trigger pasa a ser de balde para iOS

xoves, 2 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Hai un par de semanas dende Madfinger Games decidiron que a versión para Android do seu título Dead Trigger pasase a ser de balde como un xeito de competir contra o elevado nivel de piratería existente en tal plataforma móbil, pese a que o seu prezo era reducido, e tras atraer os focos sobre tal problema sorprenden agora dando o mesmo paso coa súa versión para iPhone e iPad, que pasou de venderse a 0,79 euros a ser de balde, aínda que nesta ocasión non fan declaracións atacando o nivel de piratería de iOS.
O director xeral de Madfinger Games, Marek Rabas, critica o feito que nin Google nin Apple tomen medidas serias para evitar a piratería de software nas súas plataformas móbiles como Sony e Microsoft fixeron coas súas consolas domésticas. Rabas tamén expón a encrucillada na que se atopa a súa compañía, que ante índices de piratería entre o 80 e o 90% ten que decidir se continuar a alimentar a usuarios que non pasan por caixa con varios xogos freemium ou apostar forte por poucos xogos de certo peso, co risco que supón non poder recuperar o investimento realizado. Estamos ante o que parece ser o principal dilema para boa parte dos desenvolvedores para dispositivos móbiles hoxe en día.

Dead Trigger xa está dispoñible de balde tanto en Android como en iOS

PUBLICIDADE