Declaración institucional da Xunta de Galicia polo Día da Internet

martes, 17 de maio do 2016 Redacción

Co gallo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (tamén coñecido como Día da Internet e que coincide co Día das Letras Galegas) a Xunta de Galicia realiza a seguinte declaración institucional:
O Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información apela este ano ao Espírito empresarial do sector TIC en aras do impacto social para destacar a importancia do sector tecnolóxico como un elemento chave da nova economía dixital. Unha nova realidade económica, que ten o seu epicentro na rede, e que promove novos modelos de negocio que priman elementos intanxibles como o coñecemento, a información ou a innovación para crear valor á sociedade.
A aposta galega pola economía dixital quedou plasmada na Axenda Dixital 2020, que se presentou o pasado ano e na que, tanto o impulso ao hipersector TIC como a dixitalización empresarial, son dúas das súas liñas estratéxicas para avanzar cara a un crecemento intelixente, sustentable e integrador.
Con este obxectivo, desde a Administración autonómica promovemos o aliñamento entre a demanda tecnolóxica dos sectores produtivos e a oferta do sector TIC galego, unha baza fundamental para deseñar novas solucións tecnolóxicas que contribúan a incrementar a competitividade do tecido empresarial ao tempo que consolidan a posición do sector TIC como elemento tractor da economía.
Iniciativas que arrancan este ano como ReaccionaTIC para impulsar a empresa 4.0 e a dixitalización da actividade empresarial, xunto con outras, como as desenvoltas polo Centro Demostrador TIC como escaparate tecnolóxico da Comunidade, permitirán continuar afondando na transformación dixital das PEME. Maior calidade, posicionamento, visibilidade, mobilidade e detección temperá de novos nichos de mercado, son algunhas das vantaxes ao alcance das empresas que non se manteñan á marxe da evolución tecnolóxica.
O pulo ao sector TIC virá da man das actuacións do Programa TransformaTIC que, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC, facilitará o desenvolvemento de iniciativas para reforzar a innovación tecnolóxica no sector empresarial, promover as vocacións tecnolóxicas, reforzar a capacitación dos profesionais TIC e fomentar a incorporación dos titulados galegos no mercado tecnolóxico para satisfacer as súas necesidades actuais e futuras.
Cunha achega de preto do 2% do PIB e empregando a máis de 15.600 profesionais, o sector das TIC en Galicia representa un sector de alto potencial e de recoñecida capacidade dentro e fóra da Comunidade. A súa aposta innata pola innovación e a súa flexibilidade para adaptarse ás novas necesidades do mercado, xunto co esforzo dos empresarios e a súa capacidade de identificar novas oportunidades de mercado, o converten en cooperador necesario da estratexia tecnolóxica autonómica.
A Axenda Dixital de Galicia 2020 está a sumar o apoio e os recursos da Administración autonómica, a achega do sector e dos seus profesionais para conseguir unha Administración máis próxima á cidadanía; para dar resposta aos cambios sociais derivados das novas tendencias tecnolóxicas para evitar a segunda fenda dixital; para implantar novas solucións TIC que contribúan á sustentabilidade do sistema dos servizos sociosanitarios; para reforzar os recursos territoriais; para modernizar o sector patrimonial, cultural e turístico; e conseguir unhas infraestruturas accesibles e de alta calidade para todos, capaces de servir de soporte aos novos servizos dixitais avanzados.

PUBLICIDADE