Dende Samsung recoñecen estar aínda a traballar en solucionar os problemas do Galaxy Fold

luns, 1 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Aínda que había voces que apuntaban a que o Samsung Galaxy Fold podería chegar ao mercado este mesmo mes de xullo, dende The Independent citan declaracións do propio director xeral de Samsung, DJ Koh, quen desmente esas informacións, asegurando que os problemas que xurdiron coa pantalla do Galaxy Fold son un motivo de vergoña, xa que pretendían lanzar un produto cando aínda non estaba listo.
DJ Koh declarou aos medios que o teléfono con pantalla encartable están nun proceso de recuperación que que «até o momento probáronse máis de 2.000 dispositivos en todos os aspectos. Definimos todas eivas. Algunhas eivas nin sequera se nos pasaran pola cabeza» pero as probas masivas facilitaron localizar os problemas que agora están a solucionar.
O propio Koh cúlpase das presas en lanzar o Galaxy Fold, aínda que parecían bastante xustificadas, xa que daba a impresión de que Samsung podía perder certa posición pioneira fronte a Huawei, pero curiosamente o Huawei Mate X, o outro smartphone encartable que tería que estar xa no mercado, tampouco ten unha data de lanzamento fixada, polo que podemos entender que estamos ante unha situación moi complexa, na que os produtos non están o debidamente maduros para unha fase comercial, e non están aínda todas as pezas no taboleiro para iniciar unha partida que podería desembocar en toda unha liña de produtos novos que revolucione o mercado como no seu día fixo, por exemplo, o Galaxy Note, que abriu a porta aos smartphones con grandes pantallas, mudando a corrente imperante no seu momento.
Pero dende Samsung teñen claro que estamos nun momento de cambios, e o xefe do equipo de deseño de Samsung Electronics, Kang Yun-Je, recoñece que deseñaron un teléfono encartable porque o deseño dos smartphones está a chegar ao seu límite, e precisan explorar novos sendeiros. Incluso asegura que están a traballar en dispositivos como reloxos conectados e auriculares porque pensan que terán un grande impacto no mercado, mentres que nuns poucos anos as pantallas que levemos enriba serán inapreciables, ou sexa, que os smartphones tal e como os coñecemos deixarán de existir, polo que os móbiles encartables poderían ser o comezo da fin.

PUBLICIDADE