Denodo nomea a Paul Moxon novo xefe de produto da compañía

xoves, 7 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

Segue a chuvia de novidades acerca dos plans de espallamento e fortalecemento da galega Denodo no exterior. Se hai uns días falabamos das fichaxes de Marta Salvador e Raúl Villares, como exemplos dunha ambiciosa política de renovación e autoimpulso internacional, agora é a quenda de Paul Moxon, que vai ser xefe de produto da compañía de tecnoloxías virtualización que dirixe o coruñés Ángel Viña, recentemente mergullada en proxectos de optimización de empresas ligadas á Seguridade Nacional dos EE UU ou do propio Departamento de Vivenda do país. Volvendo a Moxon, dicir que se trata dun profesional que atesoura máis de 25 anos no eido do desenvolvemento software, sendo este fondo coñecemento do sector unha das grandes bazas do seu novo cargo en Denodo. E co engadido de que se trata dun sector que está a medrar por enriba dos dous díxitos en case tódolos países do mundo, informa a firma galega.
Sinalar tamén que Paul Moxon adicou a maior parte da súa traxectoria profesional a traballar con tecnoloxías de integración de aplicacións e de datos, ao pasar de DCE, CORBA, ESB e servizos web á nube e ás tecnoloxías móbiles. Asemade, pasou por algúns dos principais provedores de programas de integración, tales como BEA Systems, Progress Software, IONA Technologies e Axway. Tamén empregou varios anos traballando como consultor en grandes proxectos de integración con empresas como Bechtel, Saudi Aramco, AT & T Wireless, e Reuters.
En palabras do propio Paul Moxon, “a miña incorporación a Denodo, permitirame aplicar os meus coñecementos do mundo do software e a tecnoloxía á miña nova actividade”. E engade: “Denodo está a facer unha forte aposta por todo o relacionado con levar os datos á nube para que estean dispoñíbeis en calquera intre e a través dun acceso multidispositivo, e é precisamente nesta contorna onde a miña experiencia servirá para seguir crecendo e desenvolvendo solucións que axuden aos nosos clientes a mellorar o seu rendemento e eficacia”.

PUBLICIDADE