Denuncian o custo ambiental dos AirPods

luns, 13 de maio do 2019 Marcus Fernández

Fotografía de Maurizio Pesce duns AirPods

Aínda que o lanzamento dos AirPods de Apple foi moi accidentado, con serios retrasos na normalización da súa produción, pouco a pouco converteuse nun dos produtos estrela da compañía da mazá pese a venderse por un prezo bastante elevado (o seu modelo con estoxo de carga por cable custa 179 euros mentres que con estoxo con carga sen fíos custa 229 euros).
O feito de que hai un par de meses chegase unha nova versión destes auriculares que incluían o novo chip H1 parecía todo un acerto, pero non porque as melloras introducidas fosen levar a que os usuarios de auriculares actuais renovasen os seus dispositivos, senón porque moitos tiñan xa auriculares cunha autonomía moi reducida por mor do desgaste da batería dos auriculares e que non pode substituírse (como si acontece cos smartphones).
Emerxen así críticas sobre o que están a supor os AirPods, que consideran que son un produto que se emprega basicamente como un símbolo de status social que ten un alto impacto ambiental, xa que para un usuario que empregue estes auriculares diariamente o normal sería que resultasen practicamente inservibles aos 18 meses (xa que a súa autonomía caería estrepitosamente), de xeito que convértense moi rápido en refugallos altamente contaminantes (tanto polo plástico como polas baterías).
No que se refire ao uso de AirPods como símbolos de status social non podemos esquecer que moitas outras marcas venden auriculares máis caros (aínda que tamén cunha calidade sonora moi superior, pois os AirPods non destacan especialmente pola súa calidade sonora), ou sexa, que realmente o seu prezo non merecería tantas críticas como pode parecer inicialmente, pero mercar produtos que practicamente son imposibles de reparar ou reutilizar, xa que despois de certo tempo de uso quedan inservibles, converténdose en lixo, polo que queren chamar a atención no pouco ético que resulta a compra de electrónica de consumo efémera.
Queda agora por ver se estas críticas son escoitadas polas empresas e o público, de xeito que, cando menos, fagan que se converta nunha realidade o ruxerruxe de que algúns auriculares sen fíos que poderían chegar ao mercado en breve terían baterías doadas de substituír, o que mitigaría dalgún xeito a problemática exposta cos AirPods (e que afectarían a moitos outros produtos semellantes).

PUBLICIDADE