Denuncian que un reporteiro do Financial Times espiou á competencia a través de Zoom

luns, 27 de abril do 2020 Marcus Fernández

Mark Di Stefano é o reporteiro acusado de coarse nunha xuntanza privada de Zoom para conseguir información confidencial

Nas últimas semanas falouse moito dos problemas de seguridade de Zoom como plataforma de xuntanzas en liña, e aínda que o máis visible destes problemas era a irrupción de usuarios descoñecidos para estragar os encontros de distintos xeitos (como publicando pornografía) comezan a xurdir casos nos que as intrusións serviron para certo tipo de espionaxe, ou tal podemos entender ante as acusacións contra un reporteiro do Financial Times, que tería accedido a unha xuntanza privada doutros medios nas que se discutían medidas económicas e laborais que terían que adoptar por mor da pandemia.
The Independent e o Evening Standard son os medios que acusan a Mark Di Stefano de coarse nunha xuntanza privada de Zoom, na que explicábase aos xornalistas dos medios as medidas laborais que se adoptarían para poder superar a difícil situación provocada pola COVID-19. Confirman ter no rexistro da xuntanza de Zoom a entrada dun usuario co correo electrónico de Di Stefano baixo o dominio ft.com, usuarios que tería entrado co vídeo desactivado e durante 16 segundos, para que uns cinco minutos máis tardes aparecese outro usuario sen nome na conversa, que manteríase á escoita até o final de mesma, e cuxa conexión estaba ligada a un número de teléfono empregado polo reporteiro do Financial Times.
Di Stefano publicou logo información confidencial a través de Twitter, así como unha reportaxe no Financial Times na que os participantes na xuntanza de Zoom considerábanse como fontes da información. Este xeito de actuar vai contra o código deontolóxico adoptado polo Financial Times, medio que suspendeu ao reporteiro mentres investiga o acontecido.
Nesta ocasión puido saberse da espionaxe xa que os resultados da mesma foron publicados na prensa, pero non resultará sorprendente saber de moitos outros casos nos vindeiros meses de empresas que detectaron intrusos en xuntanzas virtuais privadas, que puideron facer espionaxe industrial, polo que parece prudente realizar auditorías de seguridade nas empresas que realizasen xuntanzas sensibles a través de Zoom nos últimos meses.

PUBLICIDADE