Descargan 60 millóns de aplicacións da App Store do iPhone no seu primeiro mes de vida

xoves, 14 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O primeiro mes de vida do iPhone 3G non podería ser mellor no tocante á comercialización de aplicacións para este dispositivo, pois a App Store de Apple superou os 60 millóns de descargas de apliacións, chegando a recadar 21 millóns de dólares por tal concepto (dos que o 30% vai parar ás mans de Apple en concepto de comisión).
As aplicacións de pago de máis éxito para o iPhone son sen dúbida os xogos, de xeito que o Super Monkey Ball superou xa as 300.000 descargas, o que sorprende ao tratarse dun xogo desenvolvido por SEGA hai uns 7 anos e que se vende a 7,99 euros (9,99 dólares nos EE.UU.) polo que o atractivo do iPhone coma plataforma de xogo parece indiscutible, aínda que habería que detallar que o xogo de SEGA foi un dos títulos que se presentaron xunto co anuncio do novo iPhone, polo que tivo moita publicidade (o que parece ser o factor máis importante do seu éxito, xa que as críticas do xogo non son precisamente boas, resultando máis atractivo para boa parte do público o Crash Bandicoot Nitro Kart, que é o máis parecido ao Mario Kart que se pode ver no móbil de Apple).
De seguir o ritmo actual, Apple podería facturar un millón de dólares ao día en descargas de aplicacións para o iPhone, aínda que as vendas poderían reducirse cando remato o efecto da novidade.
Parece que ao final dende a empresa de Cupertino foron conscientes de que o auténtico valor do iPhone no está no hardware senón no software.

PUBLICIDADE