Descenden de xeito considerable as descargas ilegais na Rede por parte dos mozos norteamericanos

luns, 28 de maio do 2007 Raquel Noya

Segundo un estudio levado a cabo no pasado mes de marzo por Business Software Alliance (BSA) (sobre unha mostra de 1.196 mozos norteamericanos), as descargas ilegais de cancións, programas e outro material con dereito de autor protexido dende Internet por parte dos mesmos, descendeu de xeito considerable nos últimos tres anos, pasando dun 60 (en 2004) a un 36% a porcentaxe de adolescentes que admitían ter descargado este tipo de produtos na Rede.
Segundo o devandito estudo, os motivos polos que estes mozos xa non se realizan tantas copias ilegais son o temor a descargar accidentalmente virus no ordenador (62 por cento), meterse en problemas legais (52 por cento) e descargar “software espía” sen querer (51 por cento).
O medo a meterse en problemas cos pais sitúase nun cuarto posto (segundo o admitido polo 48 por cento dos consultados) mentres que o 66 por cento dos rapaces apuntaron que eran os proxenitores os que establecían as regras do que podían facer en Internet, o que demostra a influencia crecente e efectiva dos pais nas prácticas dos máis novos na Rede.
A enquisa conclúe amais que a música segue a ser a principal fonte de descargas ilegais en Internet, cun 30 por cento de enquisados que admitiron esa práctica, a realización de copias non autorizadas de software lévana a cabo un 11 por cento dos consultados e o 8 por cento dos mesmos admite facer descargas ilegais de películas na Rede.

PUBLICIDADE