Deseñan un sistema que monitoriza os incendios forestais mediante imaxes de vídeo

mércores, 21 de maio do 2008 Raquel Noya

Un dos problemas máis graves aos que nos temos que enfrontar os galegos cada vez que vén unha etapa máis ou menos longa de calor, é a consecuente vaga de incendios forestais que, dende hai uns anos, veñen destruíndo os nosos montes ante a impotencia de tódolos veciños que non poden facer nada por evitalo.
Con todo, a tecnoloxía semella que vai dando algún que outro froito para combatelos. Desta volta vén da man de Científicos da Universidade de Sevilla (US) e da Universidade Pablo de Olavide (UPO), que veñen de deseñar un “sistema de visión por computador” que permite monitorizar os incendios forestais e, deste xeito estimar, en tempo real, a posición da fronte das lapas e a súa altura máxima a partires de imaxes de vídeo. Isto evita non tanto que se queimen os montes, máis si que non se arrisquen as vidas das persoas responsables de apagar os lumes.
O sistema emprega dous tipos de imaxes; as visuais (gravadas cunha video cámara convencional) e as infravermellas (rexistradas con cámaras especiais para ese tipo de espectro que “ademais son tomadas dende distintos puntos de vista para incrementar a robustez fronte a erros”); esta información visual é recollida e dixitalizada nun ordenador que procesa os datos e permite que estes sexan cotexados polos especialistas.
Esta ferramenta informática permite que os investigadores comparen os datos obtidos coas cámaras cos dunha base de datos incorporada no sistema, de xeito que o software facilita medicións sobre o tamaño da fronte das chamas, a súa altura e o ángulo de inclinación, ademais de xerar un modelo en 3D do lume.
Aínda que este sistema xa o empregan varios grupos de investigación dedicados a analizar os modelos de propagación das lapas no campo, está a ser perfeccionada agora polos investigadores para que “tamén o poidan empregar as brigadas que loitan contra o lume para obter información precisa en tempo real sobre cómo evoluciona”, algo importante de cara á seguridade destes profesionais que arriscan as súas vidas en cada xornada de traballo.
A técnica desenvolvida polos enxeñeiros require desprazar as cámaras e os ordenadores portátiles ó lugar do incendio polo que non sempre resulta doado poder aplicar esta tecnoloxía; é por iso que os investigadores xa están a traballar para poder aplicar este sistema en vehículos aéreos, tanto en helicópteros tripulados como en robots aéreos autónomos.

PUBLICIDADE