Despiden á voz do metro londiniense por criticar o seu servizo no seu blog

martes, 27 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Emma Clarke durante unha das súas locucións

O uso da Internet coma canle de expresión para criticar a empresa na que un traballa poder ter serias consecuencias, e coma exemplo temos o caso de Emma Clarke, unha das voces máis coñecidas en Londres por ser quen dá vida ás mensaxes de advertencia que se poden escoitar no metro londiniense, que vén de ser despedida por criticar ó servizo de Transports for London no seu blog.
Posiblemente as críticas non terían moita repercusión se non estivesen apoiadas por uns ficheiros en MP3 publicados na súa web dende a que Clarke parodiaba as mensaxes sonoras do metro facendo burla de turistas norteamericanos, de afeccionados ós sudokus ou de supostos miróns, que chegaron mesmo a saturar a súa web (que actualmente está fóra de servizo por mor da excesiva demanda destes ficheiros).
Dende a empresa concesionaria do servizo do metro aseguran que non despediron á locutora polas súas parodias sonoras, senón polas críticas ó servizo, aínda que a muller de 36 anos está molesta pola reacción da empresa, pois asegura que só pretendía bromear.

PUBLICIDADE