Dinahosting investiu en 2010 preto de 900 mil euros en I+D

venres, 4 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Interior das dependencias de Dinahosting no barrio de Vista Alegre en Santiago

Dinahosting, con sede no barrio de Vista Alegre en Santiago, acaba de presentar os datos relativos á súa actividade en 2010, unha actividade que confirma unha vez máis por onde cómpre encamiñarse cando todo o tradicional falla: polo coñecemento, pola innovación e polo valor das persoas. De feito, segundo nos conta Paulo Rodríguez de Dinahosting, non só non se reduciron os índices de medre no seu seo, con crise e todo, senón que mesmo houbo marxe para un forte investimento en innovación (que andou preto dos 900 mil euros) e para a fichaxe de máis traballadores. A empresa galega, centrada nos dominios e o hosting web, salienta tamén polo seu carácter independente, o que entre outras cousas tradúcese nunha aposta polo desenvolvemento propio.
Así define esta estratexia e estes resultados obtidos o director comercial da firma, Alberto de la Morena: “Nun contexto económico como o actual reafirmámonos nas nosas liñas estratéxicas, sendo o noso principal activo o equipo humano, sen dúbida, o feito de que desenvolvamos a nosa propia tecnoloxía nun 100%”. Este, sinala Alberto, é o mellor punto de partida para un servizo de calidade e para apontoar a posición da empresa no mercado.
Volvendo aos datos avanzados nun principio, dicir que tamén houbo marxe para unha mellora laboral dos empregados, xa que segundo apunta Dinahosting durante o último ano a media salarial subiu nun 12%, ao que se engaden novas contratacións e a posta en marcha dun programa integral de saúde laboral con actividades variadas de lecer e deporte.
Como dixemos, o investimento en I+D+i aproxímase ao 900 mil euros, “dedicados integramente ao desenvolvemento de tecnoloxía exclusiva, que atopou en RealCloud (a solución para a nube da Dinahosting) o seu máximo expoñente no 2010”. Por certo que a principal vantaxe de traballar con e para recursos propios radica nunha achega xeral de flexibilidade e nunha capacidade “de reacción óptima ás necesidades dos nosos clientes, con plena autonomía financeira e ceibe de subvencións ou investimentos de terceiras partes”, apunta a empresa galega.
A maiores, a firma presenta unha cifra de negocio de 5,4 millóns de euros, mantendo un medre medio interanual ao redor do 30 % nos últimos 5 anos. Este crecemento baséase en incrementos ostensíbeis en todos os indicadores que identifican a posición de referencia que esta empresa compostelá mantén no mercado: unha carteira de 134 mil nomes de dominio, 39 mil plans de aloxamento web, 1273 servidores dedicados e unhas 55 mil persoas usuarias, informan fontes da compañía compostelá.

PUBLICIDADE