Directivos de PSA visitaron as JAI 2018

xoves, 15 de marzo do 2018 Redacción

Os equipos de dirección e os responsables de innovación das tres fábricas que compoñen o polo ibérico de Groupe PSA visitaron hoxe o showroom das Xornadas de Automatización Industrial JAI 2018 organizadas pola Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, onde puideron coñecer as principais innovacións tecnolóxicas presentadas polas empresas participantes.
A visita dos directivos de Groupe PSA organizouse como actividade complementaria dunha Xornada para a Transversalización da Innovación nas fábricas do polo ibérico, que con carácter interno celebrouse no centro de Vigo, con asistencia dunha trintena de responsables das fábricas de Vigo, Madrid e Mangualde (Portugal) a fin de compartir os principais avances tecnolóxicos postos en marcha nos últimos meses nas tres fábricas ibéricas do grupo de automoción francés.
A delegación de Groupe PSA estivo encabezada polo director do polo ibérico e do centro de Vigo de Groupe PSA, Fréderic Puech, e contou coa presenza dos directores das plantas de Madrid e Mangualde (Portugal), Óscar Fernández Ponte e José María Castro Covelo, respectivamente.
Frédéric Puech asegurou que «esta visita foi un magnífico complemento para a nosa xornada de traballo, xa que nos permitiu coñecer solucións de automatización industrial moi interesantes da man de empresas destacadas neste ámbito, e á vez reafirma a vontade recíproca de cooperación coa Universidade de Vigo no seo do ecosistema de innovación aberta da Automoción en Galicia».

PUBLICIDADE