Dispáranse as vendas nas webs galegas centradas no marisco

luns, 27 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Estar na Rede é un pouco como ter a posibilidade de falar máis alto. Os ouvidos aos que nos chegamos decote, ficarán máis preto de saber aproveitar as posibilidades do eido en liña. Quen máis quen menos, tratar de estenderse a si mesmo así, e segundo nos contan estes días dende a rede galega, o sector galego da venda de marisco é un bo exemplo de brazo que se alonga ou altofalante que sube de volume. E non só nestas datas, nas que o 85% das nosas ideas vánsenos ao marisco, senón a tempo completo os 365 días do ano. O motivo deste pulo non é único, pero pasa polo fundamental: unha oferta de calidade e unha presentación de calidade. Asemade, a isto axuda a confianza que nos vai crecendo como internautas consumidores que somos xa: sabemos que de petar na porta-web axeitada, as posibilidades de que nos dean marisco malo, ou pasado, son poucas.
Xornal.com, reflectindo datos achegados por Europa Press, bótase nunha completa reportaxe a repasar logros recentes de plataformas como elmarisconoescaro.com e mariskito.com, dúas tendas en liña de Pontevedra para as que está claro que cada vez hai menos medo a mercar este tipo de produtos na Internet. Como se dixo, o principal atranco que se tivo que salvar foi o da desconfianza cara ao carácter perecedoiro destes produtos, cousa que se foi solucionando ao comprobaren os internautas que o feito de comprar centolas ou bois de mar pola Rede non diminúe a súa calidade ou frescura. A clave tamén está nun eficaz sistema de distribución dos produtos a vender. Para os responsables de elmarisconoescaro.com, páxina creada fai tres meses, xa apenas hai tempo para o descanso, tal foi o pulo experimentado ao longo das últimas semanas, en boa medida motivo polas datas nas que estamos a vivir. Para facérmonos unha idea do acadado, a empresa relata como o día 19 de decembro, a cinco xornadas da Noiteboa, a entidade bancaria que xestiona os pagos detivo o sistema porque recibiu indicios de que a web estaba a ser atacada, cousa que ao final non resultou ser tal: o suposto ataque foi a conxunción de moitos internautas tentando mercar produtos. Até 20.000 persoas tiveron acceso á devandita web nesa xornada do 19, cando o normal son 2.000 visitas ao día.

PUBLICIDADE