Dispárase o consumo de vídeo en streaming nos fogares españois

venres, 17 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que a chegada de plataformas de vídeo baixo demanda de pagamento a España era vista con moitos con certo escepticismo por mor da sona de piratas audiovisuais que teñen os países europeos mediterráneos, a práctica demostrou que cando un produto é de calidade e cun prezo asumible os consumidores están dispostos a subscribirse, e segundo datos do Panel de Fogares da CNMC do segundo trimestre de 2017 temos que Netflix tería chegado xa a 1.163.000 fogares, mentres que HBO estaría no redor dos 414.000.
O servizo de vídeo baixo demanda de Movistar+/Yomvi é o máis presente en fogares con acceso á Internet (o 12,6%) xa que está asociado a un operador, mentres que Netflix (7,3%) e HBO (2,6%) terían un índice de penetración máis interesante pola súa novidade e polo seu rápido crecemento, pois non podemos esquecer que Netflix só leva un par de anos en España e HBO só un ano.
Aínda que o smartphone continúa a ser o dispositivo preferido para consumir contidos audiovisuais a través da Internet, cómpre salientar que nos últimos dous anos medrou dun 50% o uso de televisores conectados, indicando unha tendencia que indicaría que o consumo audiovisual está cada vez máis afastado das canles tradicionais e das grellas de programación.

PUBLICIDADE