DisplayMate confirma que o Galaxy Note9 ten a mellor pantalla de smartphone do mercado

martes, 14 de agosto do 2018 Redacción

DJ Koh amosando o novo Galaxy Note9 ao público o pasado día 9

Aínda que até o 24 de agosto non chegará ás tendas, o Samsung Galaxy Note9 xa pasou polas mans de bastantes profesionais que puideron avaliar as bondades do novo rei de Android, confirmándose algo que era de prever: o novo smartphone ten a mellor pantalla do mercado. Para esta conclusión temos a exhaustiva análise feita pola xente de DisplayMate, que constatou como este terminal conseguiu superar ao seu antecesor, que no seu día tamén se fixera coa coroa en calidade de pantalla.
Dende DisplayMate aseguran que o Galaxy Note9 ten unha precisión de cor próxima á perfección, conseguindo superar a calquera outra pantalla de móbil en case todos os aspectos a exame, destacando especialmente o feito de que a reflectancia da pantalla é de só o 4,4%, mellorando o 4,6% do Note8 e o 4,5% do iPhone X. Este elemento é moi importante porque afecta seriamente á visibilidade da pantalla.
O Note9 consegue incluso superar até nun 27% o brillo e nun 32% o contraste do Note8 ante luz ambiental elevada; presenta unhas variacións de cor e brillo moi lixeiras en función do ángulo de visión e, en definitiva, convértese na pantalla ante a que o resto de smartphones que sairán á venda este ano terán que compararse.

PUBLICIDADE