Dispoñíbel unha nova rede social centrada no eido das vodas, The Big Day

mércores, 10 de setembro do 2014 Redacción

A iniciativa All Shook Apps, nova startup española dedicada ao desenvolvemento de aplicacións móbiles, sorprendeu estes días á comunidade de usuarios con The Big Day, unha rede social privada por e sobre vodas que pasa por ser a primeira comunidade 2.0 das súas características específicas (centrándose en dar acubillo a quen estea a piques de contraer matrimonio, a quen xa o fixese, ou a quen vaia participar nunha destas cerimonias). E que é o que permite esta app, a un nivel máis concreto? Pois fai que sexan posíbeis cousas como xuntar todas as fotos dos móbiles dos convidados a unha voda, etiquetalas e comentalas, e todo “nunha contorna segura e privada”.
Para facilitalo, os usuarios que contraten o servizo disporán dun espazo ilimitado de seu onde os invitados poderán subir as imaxes que fagan durante a cerimonia. Segundo informan os seus creadores, The Big Day é unha “completa rede social, moi semellante na súa feitura a Facebook, onde a xente poderá, co gallo de recompilar imaxes e outras funcionalidades, coñecerse, comentar as achegas, fornecer afinidades ou etiquetarse naquelas fotografías nas que aparece. A aplicación é de balde e está dispoñíbel para iOS e Android. A ferramenta foi seleccionada para participar en The Web Summit, o vindeiro novembro en Dublín, dentro do seu programa Alpha. The Web Summit, informan dende All Shook Apps, é a maior convención de empresas e investidores do sector dixital en toda Europa.

PUBLICIDADE