Dispoñible en galego a versión 1.0 do compositor de xanelas Compiz Fusion

venres, 28 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

O Grupo de Usuarios de GNU/Linux de Galicia (GLUG) vén de anunciar que xa temos ó alcance da man e en galego a versión 1.0 do Compiz Fusion, que é unha ferramenta de software libre que nos axuda a mellorar a feitura e o fondo do noso escritorio. Ou sexa: a poñelo máis de punta en branco e a engadir novas funcionalidades. Segundo informa o socio Paco, o traballo ten tras de si 3.500 cadeas escritas en tempo de lecer, estando o resultado da tradución á vista de calquera internauta que pete na porta do GLUG. Sexa como sexa, o proceso aínda non se deu pechado, e será benvida a colaboración na revisión das cadeas.
Os responsables do traballo tamén sinalan que a versión 1.0 do programa trae moitas melloras con respecto a anteriores propostas: “Pasa a ser algo produtivo no día a día, amais de mellorar de longo o rendemento e consumo de recursos das versións previas”, sinalan.

PUBLICIDADE