Domeduino e LifeSeeker centrarán un meetup Maker en Vigo

xoves, 7 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

O fenómeno Maker conserva o seu pulo en Galicia, e quere iniciar 2016 con forza, polo que o vindeiro mércores na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo ás 19:30 horas vai celebrarse a primeira meetup do ano, para o que xa está aberta a súa inscrición de balde. Nesta xuntanza de 1 hora de duración participarán Pablo Rodiz, director de Enxine, e Isaac Ballesteros, director tecnolóxico de Centrum Research & Technology.
Rodiz, quen traballou como deseñador de produtos embebidos para compañías galegas como o CTAG ou Bluesesn, presentará o seu último traballo no mundo de Arduino: un medidor de potencia eléctrica monofásico de até 6 quilowatts, que permite controlar a conexión e desconexión da liña, e que se alimenta directamente da mesma, sen necesidade de ningún elemento adicional. Esta placa leva por nome preliminar Domeduino, e vai xa pola súa terceira versión de hardware, estando a piques para o seu lanzamento como hardware de código aberto.
Pola súa banda, Ballesteros presentará o produto LifeSeeker, que facilita a localización de teléfonos móbiles en zonas remotas e sen cobertura en misións de rescate, reducindo así o tempo de procura e maximizando a posibilidade de éxito da misión. Durante o seu relatorio dará detalles sobre o proxecto, os problemas técnicos resoltos e incluso explicará a orientación baseada en modelos e validación continua que permitiron obter os resultados desexados.

PUBLICIDADE