Domino’s comeza a repartir pizzas mediante drons en Nova Zelandia

xoves, 17 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Dende que Amazon anunciou o seu proxecto de drons de reparto de paquetes, moitas son as compañías que están a traballar nesa liña, o que supón numerosos retos tanto técnicos como lexislativos, e aínda que falta moito para que podamos recibir un paquete na casa mediante un dron, en Nova Zelandia xa hai importantes avances nese ámbito e Domino’s Pizza anunciou que xa entrega pizzas a domicilio mediante drons a un selecto grupo de clientes dentro dun programa de probas desenvolvido por Domino’s e Flirtey (compañía que desenvolve a tecnoloxía detrás deste servizo).
No seu estado actual o servizo de entrega de pizzas mediante drons xa consegue trasladar o produto fresco do restaurante á casa do cliente mediante un sistema de voo autónomo que polo momento é capaz de operar con seguridade en contornos suburbanos e en cartas condicións meteorolóxicas, xa que esta tecnoloxía aínda está a avanzar paseniño, e será precisas moitas probas antes de poder realizar algo semellante en contornos urbanos.
O servizo de entrega mediante drons ten como obxectivo levar as pizzas aos clientes nun prazo de 10 minutos, e integra os drons nos sistemas GPS e de pedidos en liña de Domino’s, de xeito que funcionaría como un sistema de entrega máis alí onde estea dispoñible.
O dron de Flirtey para facilitar o servizo está construído en fibra de carbono, aluminio e compoñentes impresos en 3D, buscando ser o máis lixeiro e autónomo posible, para así poder realizar unha entrega e volver a unha localización segura mantendo carga na súa batería.

O dron desenvolvido por Flirtey ten un deseño lixeiro para poder manter unha boa autonomía

Vídeo promocional do novo servizo de reparto de pizzas mediante drons

PUBLICIDADE