Dous areais galegos, finalistas no certame en liña de Coronita para a recuperación de praias

mércores, 12 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A cervexa Coronita mantén na Rede unha web, Coronita Save the Beach, que, como o seu propio nome indica, vai dirixida a favorecer a través da participación das usuarias e usuarios o mantemento, recuperación e posta en valor de diferentes areais do mundo. Como non podía ser doutro xeito, tendo en conta o noso rico patrimonio costeiro e, tamén, os múltiples problemas ambientais aos que sometemos este patrimonio, na web hai presenza galega. En realidade, estamos a falar dun concurso. A praia que gañe será recuperada a través do dito programa.
Para colaborar no certame, aberto até o 15 de setembro, achégase un sistema de votacións para os internautas. Entre as candidatas están dúas galegas: a de Ancoradoiro-Lariño, entre Carnota e Muros, e a de Area Maior, de Muros. Como dixemos, o gran obxectivo da iniciativa, convocada a nivel europeo, é sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de protexer estas paraxes naturais. En 2009 procedeuse a recuperar a praia de Capocotta, en Italia, en 2010 a Baía de Portmán en Murcia e o ano pasado a Cala Paradiso, de Sicilia.

PUBLICIDADE