Dous novos polígonos industriais galegos acceden a Internet a través de WiMAX

luns, 25 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Dende hoxe, os parques empresariais de Espiñeira, en Boiro, e de Mirallos, en Moraña, súmanse aos outros 23 polígonos galegos que dispoñen de conexión a banda ancha no noso país, un servizo que a día de hoxe é tan necesario (ou máis) como unha boa estrada ou un bo acceso ás instalacións para poder competir en igualdade de oportunidades con outras empresas de fora da nosa Comunidade.
Con estes dous, son xa 25 os polígonos industriais que se benefician da iniciativa WiMAX posta en marcha polo Goberno galego para suplir as carencias de acceso a Internet nestes emprazamentos.
O proxecto WiMAX que desenvolve a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta ten a súa orixe nas dificultades no acceso a Internet de banda larga en diversos puntos de Galicia, que provocan unha diminución considerable na capacidade das empresas radicadas nesas zonas para competir no mercado actual. Esas carencias tórnanse especialmente graves no caso dos polígonos e parques empresariais, onde as tecnoloxías de acceso á banda larga máis estendidas (ADSL e cable) son deficitarias ou só existen nos grandes emprazamentos.
Fronte a isto, a rede WiMAX, que permite a transmisión de datos empregando ondas radioeléctricas, permite aos polígonos arranxar unha grave carencia, e dota estas zonas de maior capacidade para atraer novas empresas.
O proxecto de implantación da rede WiMAX, que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros e se financia en parte con fondos FEDER, estase a desenvolver en dúas fases. A primeira delas, practicamente completada, beneficia a un total de 12 polígonos industriais, que, agás un, xa teñen activado o seu acceso a Internet. A fase II, actualmente en desenvolvemento, afecta a 22 parques empresariais, dos cales 14 (contando os recén estreados Boiro e Moraña) xa están conectados. Deste xeito, cando estea concluído o proxecto, WiMAX permitirá o acceso a internet en banda larga nun total de 34 parques empresariais galegos.

Estrutura da Rede e servizos ofertados
A construción das redes nos polígonos baséanse en estándares e tecnoloxías que permiten alcanzar altas capacidades e garanten unha elevada dispoñibilidade do servizo. Para isto, instálase unha estación base en cada polígono, e as empresas e residentes na zoas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2Mps ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais. Igualmente, a estación permite ofertar tamén servizos de voz mediante a tecnoloxía VoIP así como contratar servizos de valor engadido como videovixiancia ou intranet corporativa.

PUBLICIDADE