Dúas alumnas do Instituto Rosalía de Castro, vencedoras no Certamen de Jóvenes Investigadores

martes, 14 de novembro do 2006 Raquel Noya

Alba Velo e María Viñal, dúas alumnas do Instituto de Ensinanza Secundaria (IES) Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, veñen de ser galardoadas co primeiro e segundo premio (respectivamente) na XIX edición do Certamen de Jóvenes Investigadores, que este ano contou coa participación de 160 alumnos de todo o Estado.
O concurso, organizado conxuntamente polos Ministerios de Traballo e Asuntos Sociais e de Educación y Ciencia, pretende espertar vocacións investigadoras entre os estudantes de entre 15 e 20 anos e na presente edición contou cunha dotación de 5.000 euros para a primeira clasificada, Alba Velo, polo seu traballo Veo, veo...¿cómo ven?, que analiza a visión en distintos animais e cunha estancia de dúas semanas nun centro de investigación do CSIC, para a segunda clasificada, María Viña, polo seu traballo La clonación: un arma de doble filo, presentado dentro da área de Ciencias Sociais e Xurídicas.
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón foi a encargada de entregar os galardóns ás dúas mozas e destacou o importante papel do alumnado galego no futuro da investigación, polo que animou ós formadores a seguir traballando pola ciencia dende tódalas etapas educativas e, en especial, dende o ensino medio. Sánchez Piñón tamén fixo referencia ó protagonismo que está adquirindo o papel da muller na comunidade científica, unha situación impensable ata hai poucos anos, cando a muller tiña enormes dificultades para que lle fosen recoñecidos os seus logros.
Hoxe en día, segundo datos da oficina estatística comunitaria Eurostar, o 38,8% dos científicos e enxeñeiros que traballan en España son mulleres; unha porcentaxe superior á media europea, que se sitúa no 29%.

PUBLICIDADE