Dúas empresas situadas en Tecnópole, elixidas entre as 100 mellores startups de 2023 pola APTE

venres, 19 de xaneiro do 2024 S. P.

A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) elaborou unha listaxe coas 100 mellores startups do ano 2023 situadas nos seus 51 parques científicos e tecnolóxicos, presentes en 15 comunidades autónomas españolas. Trátase de proxectos innovadores en ámbitos punteiros e entre elas hai dúas empresas galegas, situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Trátase da biotecnolóxica Glecex e Ingeo, especializada en enerxía xeotérmica. A listaxe de APTE está dispoñíbel na Rede e nela destácanse e visualízanse proxectos innovadores en ámbitos punteiros que van desde a biotecnoloxía á Intelixencia Artificial pasando por enerxías limpas, telecomunicacións, semicondutores, agrotech, etc.
Polo que respecta a Glecex desenvolve procesos biotecnolóxicos para avanzar cara a unha alimentación máis sa e cara a unha cosmética máis natural. Adícase á investigación biotecnolóxica e está especializada en servizos de I+D+i para empresas agroalimentarias, cosméticas e nutracéuticas. Desenvolve procesos biotecnolóxicos destinados a crear extractos con propiedades bioactivas tanto para alimentos como para produtos cosméticos, con capacidade de fabricación a medida. Ademais, axuda ás empresas agroalimentarias na procura de ingredientes naturais concentrados en principios activos, con propiedades que acheguen beneficios para a saúde. Ademais, desenvolven complementos alimenticios e nutracéuticos e alimentos funcionais.
A empresa participou en varios proxectos de I+D e tecnolóxicos e na aceleradora Connect-19, impulsada por Tecnópole e a Axencia Galega de Innovación para a comercialización de solucións contra o impacto do COVID-19. No marco deste programa, desenvolveron unha gama de produtos con actividade viricida a partir de ingredientes naturais.
Pola súa banda, Ingeo é unha empresa do sector das enerxías renovábeis. É unha consultora de referencia no eido da enerxía xeotérmica, pioneira ademais na investigación de sistemas de captación de enerxía xeotérmica, climatización sustentábel, eficiencia enerxética e enerxías verdes. Desenvolven proxectos e estudos de viabilidade económica na implantación de enerxías renovábeis e ofrecen asesoramento en certificacións verdes.
A firma implementou enerxía xeotérmica en edificios emblemáticos como o Museo Chillida de Guipúscoa, o Hospital Sur de Viladecans (Barcelona), a sede de Proxecto Home Galicia en Santiago de Compostela ou o Hotel Four Seasons Canalejas de Madrid, entre outros moitos, tanto a nivel nacional como internacional (Hospital de Emerxencias Pediátricas de Transilvania -Romanía- complexo residencial en Suíza…). Ao longo destes anos participaron no deseño de máis de 300 instalacións xeotérmicas, algunhas delas catalogadas entre as cinco máis grandes de Europa.
A capacidade emprendedora dos parques científicos e tecnolóxicos
O obxectivo que persegue APTE é recoñecer ás 100 startups máis destacadas dos parques científicos e tecnolóxicos españois e poñer de relevo a calidade e a capacidade emprendedora que se desenvolve nestas contornas, así como facilitar o coñecemento destas empresas a posíbeis entidades investidoras interesadas en proxectos de alto crecemento. A Tecnópole explica que “estas startups terán un protagonismo especial durante a próxima edición do Foro Transfiere, o maior evento europeo sobre I+D+i e transferencia de coñecemento, que conecta a todo o sistema español de innovación e impulsa a súa proxección internacional, e que terá lugar en Málaga no mes de marzo e onde as firmas poderán manter reunións con potenciais clientes e investidores”.

PUBLICIDADE