EGANET abre a convocatoria dos seus premios, que terán nove categorías

xoves, 15 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet (EGANET) vén de abrir a convocatoria da novena edición dos seus premios, en nove categorías. Isto significa que a partir deste 15 de febreiro, xa poden concorrer a este certame as empresas, colectivos, entidades ou organismos con sede en Galiza que teñan responsabilidade en proxectos tecnolóxicos desenvolvidos o ano pasado. Cómpre lembrar que estes galardóns van encamiñados a recoñecer o labor dos profesionais galegos e que máis teñan contribuído coas súas iniciativas a divulgar as vantaxes da Sociedade da Información. Esta nova convocatoria de EGANET foi presentada este xoves 15 no Club Internacional de Prensa de Santiago polos seus vicepresidentes, Miguel Bugarín e Manuel Pan. Aquelas persoas interesadas en participar terán un mes para entrar en xogo nos nomeamentos, e tres vieiros para facelo: a través do formulario da web dos premios, descargando o arquivo “.doc” da dita páxina para envialo cumprimentado a candidaturas@premioseganet.com e (tamén) por correo ordinario ó seguinte enderezo: EGANET – Edificio Uninova, Mercagalicia, Vía La Cierva s/n, Polígono Industrial do Tambre, 15890.
Estas son as nove categorías dos premios:

· Premio Inciativa: Poden optar as empresas galegas constituidas por menores de 35 anos que desenvolvan un proxecto empresarial con menos de 3 anos, relacionado con Internet.

· Premio Software Libre: Para distinguir o uso e a difusión de tecnoloxías de código aberto (como Linux) tanto por parte de empresas privadas como de administracións públicas.

· Premio Net-Art: Para a mellor web ou produto interactivo galego na integración de distintos medios (texto, audio, vídeo...).

· Premio Comunicación-Web: Para portais e páxinas web galegos, corporativos ou empresariais, xenéricos ou sectoriais, buscadores locais ou autonómicos, que non supoñan unha actividade de comercio electrónico.

· Premio Comunicación-Web Institucional: Premiarase os portais e páxinas web de institucións oficiais, asociacións empresariais ou deportivas e entes públicos galegos, valorándose o seu deseño, funcionalidade e utilidade, así como a súa orientación de cara ao cidadán.

· Premio á Mellor Aplicación On Line: Incluirá as aplicacións e módulos que resulten de utilidade principalmente na empresa que teña como eido de aplicación a Internet, aínda que poida explotarse dende outros ámbitos (Intranets, redes móbiles,etc.). Tamén terán cabida nesta categoría os desenvolvementos que utilicen dispositivos de mobilidade, pda´s, teléfonos móbiles (non se considerará mobilidade portátiles nin tablepc), que utilicen unha tecnoloxía inalámbrica (bluetooth, 802.11x, irda…)

· Premio E-Comerce: Para as iniciativas empresariais que integren a Rede na súa estrutura de negocio no que sería un uso axeitado do comercio electrónico (non necesariamente orientado á venda a usuarios finais).

· Premio a Mellor Campaña Publicitaria na Rede: Nesta categoría poderán participar tanto axencias de publicidade como anunciantes, valorándose a planificación e a creatividade das campañas creadas por profesionais galegos.

· Premio Tecnoloxía Accesible: Para as iniciativas que vaian dirixidas a facer as tecnoloxías accesibles para aqueles que se atopan nunha situación de desventaxa, como as persoas maiores e as persoas con discapacidade ou mobilidade reducida, sinxela de empregar e práctica, de xeito que sexa atractiva para todos os usuarios.

· Premio Especial EGANET: A Asociación outorga este premio ao proxecto, entidade ou personalidade galega que dende a última edición dos Premios, máis contribuira a dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno Internet. Para este premio non se recibirán candidaturas e será a Asociación quen elixa ao gañador.

PUBLICIDADE