EGANET entrega mañá os seus Premios anuais a iniciativas TIC

martes, 20 de decembro do 2011 Raquel Noya

Imaxe da gala de 2010 dos Premios EGANET

Financiamento, subvencións, xornadas de demostración, obradoiros, xuntanzas... no noso país son moitas as actividades que se levan a cabo para incentivar o uso das TIC no seo das empresas e na sociedade en xeral, e ano tras ano (nos mesmo botamos a vista dez anos atrás) van aparecendo novas formas de darlle pulo ao uso das novas tecnoloxías na nosa Comunidade, que axudan a que ese tren da Sociedade da Información do que falabamos anos atrás, sexa hoxe un tren de alta velocidade que fai parada en case tódolos recunchos de Galicia.
Porén se falamos dun verdadeiro incentivo para promover o uso eficiente das TIC no noso país non podemos deixar de falar do que dende hai 8 anos leva a cabo a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET): os seus Premios anuais, que este ano celebrarán a súa VIII edición.
Mañá mércores, 21 de decembro, terá lugar o acto de entrega destes consagrados galardóns no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, nunha gala que comezará a partir das 12:00 do mediodía, e que servirá para conceder cadanseus premios aos gañadores de cada unha das cinco categorías diferenciadas.
E por certo, o xurado dos premios xa resolveu as candidaturas finalistas que concorrerán á edición deste ano, e están publicadas na súa web, onde podemos ver tamén a concesión do Premio Especial, que este ano recaerá na Fundación Foltra “pola súa aposta tecnolóxica no desenvolvemento do seu labor socio-sanitario”.


A listaxe definitiva de finalistas é a que segue:

Proxecto Emprendedor TIC:
Enkends
Moonbite Games
Trileuco Solutions
WebMenús
Proxecto Empresarial TIC:
Factoría de Software e Multimedia
Elogia
La Náutica Servicios Náuticos
Visual Publinet
Aplicación Software:
BayDICOM Media, de Bahía Software
LibrePlan, de Igalia
Un mundo accesible, de InfoJC
SONarchitect ISO, de Sound of Numbers
Comunicación Dixital:
Mátalos de Risa con Kill Paff, de Elogia
Misterdarwin.eu e eMuseo, de Galinus Taller de Novos Medios
Memoria anual 2010 Cruz Roja Española en Galicia, de Neo Comunicación
Redescubre a Cidade Vella, de Turismo de Ourense
Negocio Online:
Plataforma Wecoop, de Continental Producciones
Buydeal.es, de Elo Technologies
Meubook, a factoría dos teus libros, de Meubook
Menús.es, de Web Menús

A Gala terá este ano dous presentadores moi vencellados ao mundo da tecnoloxía, un que nos toca ben de preto e que dende aquí mandamos unha especial saúda: Marcus Fernández, subdirector desta publicación e Susana Alvite, xornalista, xerente de Hexis Comunicación e asesora de comunicación para administracións e empresas.

PUBLICIDADE