EGANET recoñeceu nos seus premios á Oficina de Software Libre da USC

xoves, 17 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Entre as entidades e organismos recoñecidos no serán do pasado mércores nos premios EGANET (dos que iremos dando conta paseniño nesta páxina web) atopamos á Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago, departamento encamiñado a promover de xeito non excluínte as vantaxes da programación aberta a tódolos niveis e que nos últimos tempos está a rexistar un importante medre no número de actividades dirixidas á divulgación. A Oficina, que acudiu representada (entre outros) por Javier Franco Tubío (director da Área TIC da Universidade), foi posta en marcha finais do ano pasado logo dun acordo entre a Xunta e a USC, orientando o seu traballo, dende ese intre, a fomentar e implantar a programación aberta na comunidade estudantil.
Segundo informa a USC, trátase dun servizo inserido no Plano Estratéxico das TIC, sendo o seu produto de acción máis salientable o traballo colaborativo coa comunidade universitaria, a quen informa polo miúdo das vantaxes e dos usos do código aberto á vez que capacita para desenvolver un labor divulgativo semellante coa sociedade galega por enteiro.
O premio EGANET, na modalidade de software libre, foi recollido por Javier Franco, quen fixo fincapé na postura da institución educativa que representa respecto do código aberto sinalando que esta o fomenta de maneira racional e “non excluínte con outros modelos”, considerándoo unha ferramenta interesante que debe adaptarse ás diferentes situacións e emprazamentos.

PUBLICIDADE