EGATEL, Alén Space e Gradiant xuntan forzas para dixitalizar as comunicacións do sector naval

mércores, 3 de febreiro do 2021 S. P.

A empresa galega EGATEL lidera un consorcio para dixitalizar as comunicacións no sector naval no que participan outras dúas entidades galegas: a empresa pioneira en solucións espaciais Alén Space e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións Gradiant. O seu obxectivo é desenvolver unha solución innovadora de dixitalización de comunicacións para o sector naval mediante o estándar VDES (VHF Data Exchange System).
O novo estándar VDES suporá, en palabras de EGATEL, “unha revolución na transformación das comunicacións marítimas e abrirá a porta a novos casos de uso como a e-navigation, á vez que permitirá aumentar a seguridade das tripulacións”.
Nun futuro próximo, engade a empresa con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense), VDES substituirá ao actual e saturado sistema AIS (Automatic Identification System).
O sistema, desenvolvido no marco do proxecto SHIPMATE (Satellite Hybrid Information Protocol for MAritime TElecommunications), permitirá ás embarcacións enviar a terra información sobre a actividade que están a realizar, a tripulación e o estado no que se atopan, ademais de comunicar a súa posición, rumbo e velocidade.
Toda esta información enviarase de forma cifrada, “de modo que unicamente os operadores autorizados terán acceso á mesma, ficando oculta para o resto das embarcacións e elementos da rede”, engade EGALE, explicando que a iniciativa conta co apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Axencia Estatal de Investigación, que a través do CDTI concedeu unha axuda dentro da convocatoria Retos-Colaboración para o desenvolvemento de SHIPMATE.
O desafío da conectividade
EGATEL recorda que un dos grandes retos das comunicacións marítimas coa tecnoloxía actual é “manter a conectividade a grandes distancias da costa”. De feito, explica, o sistema actual AIS só permite a comunicación a nivel local e a unhas poucas millas das estacións base costeiras (30 millas náuticas), malia que nos últimos anos xurdiron algunhas iniciativas para recibir as mensaxes AIS desde satélite, permitíndose así o seguimento de barcos en alta mar. “Con todo, este sistema non foi deseñado para a comunicación satelital, ao contrario que VDES, que contempla no seu deseño a comunicación bidireccional a través de satélite”, sinala EGATEL, engadindo que o sistema desenvolvido no proxecto SHIPMATE “garante a través do estándar VDES unha comunicación bidireccional entre estacións de costa e embarcacións, boias, balizas virtuais e outros elementos da rede”.
Trátase, din EGATEL, Gradiant e Alén Space, “dunha solución completa de monitoraxe para o sector marítimo”.
De xeito adicional á rede VDES, o sistema desenvolvido no proxecto SHIPMATE disporá de conectividade 5G que actuará “como ligazón redundante e de reserva para as comunicacións VDES”. Ademais permitirá complementar o largo de banda dispoñíbel en VDE para o envío de grandes cantidades de datos.
O sistema estará dotado de algoritmos intelixentes que farán posíbel unha selección do sistema de comunicación: VDE terrestre, VDE satelital ou 5G, en función da localización do barco, a cobertura e saturación dos distintos sistemas, así como do tamaño e prioridade da información a enviar.

PUBLICIDADE