EVERUN NOTE: un ultraportátil cun procesador de dobre núcleo

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Raon Digital comezará a vender a primeiros de setembro (tanto en Corea do Sur coma nos EE.UU.) o ultraportátil EVERUN NOTE, que sorprende non só por acadar unha resolución de 1.024 x 600 píxeles nunha pantalla de 7 polgadas, senón tamén por incorporar un procesador AMD Turion 64x2 Dual Core a 1,2 GHz, pois neste tipo de equipos non é habitual atopar procesadores de dobre núcleo.
Amais, o ultraportátil tamén conta con webcam de 1,3 Mpíxeles, 1 Gb de memoria, disco duro de 60 Gb, Wi-Fi, Bluetooth, lector de tarxetas de memoria e moitas posibilidades de expansión (2 portos USB, 1 porto USB mini, 1 fenda mini PCIExpress e unha fenda para unha tarxeta USIM).
O equipo mide 200 x 118 x 27,5 milímetros, funciona con Windows XP e a súa batería acada unha duración de 2,5 horas navegando pola web e é de agardar que o prezo supere a barreira dos 300 dólares, pero se manteña dentro do baixo custo.

PUBLICIDADE