Economía impulsará o polo tecnolóxico-dixital da Coruña

venres, 25 de outubro do 2019 Redacción

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, presentou onte no Parlamento as contas para o vindeiro ano: un plan de acción que suma preto de 600 millóns de euros (un 5% máis ca no 2019) para impulsar, dixo, o emprego de calidade, a competitividade das empresas, a innovación e a internacionalización. O obxectivo, engadiu, “é seguir construíndo unha Galicia máis preparada, máis innovadora e máis verde”. Respecto das Tecnoloxías da Información, contémplase un pulo relevante á Cidade das TIC da Coruña e ao tecido produtivo aeroespacial con centro de operacións nas Rozas (Lugo).
Dos 600 millóns de euros, 210 millóns serán adicados á Galicia innovadora. Ao abeiro disto, prolongaranse os impulsos a polos estratéxicos como o do motor (apoiando o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas co vehículo eléctrico e apostando pola mobilidade eficiente), o polo naval (para avanzar no modelo de Estaleiro 4.0); ou o Polo Aeroespacial de Galicia (que contará con 15,5M€ para seguir avanzando no seu desenvolvemento).
Ao tempo, o conselleiro anunciou a continuidade dos Hubs de Innovación Dixital e o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas dirixida ás empresas participantes para proxectos de I+D+i (7,5M€). Tamén se procederá ao lanzamento e consolidación de polos noutros eidos.
Por exemplo o polo das TIC da Coruña, que “poderá acceder a fondos recollidos nestes orzamentos para comezar a desenvolverse e contribuír á modernización da base industrial do sector e á mellora das súas capacidades competitivas”, salientou Conde.
Ou o polo da biotecnoloxía de Santiago de Compostela, que contará cunha nova aceleradora para o achado de novos fármacos (a Business Factory Pharma); e avanzarase no polo termal e da enerxía a través do Ecobarrio de Ourense e da Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.
Ao abeiro das contas do ano vindeiro, tamén se brindará un “importante respaldo” ás pequenas e medianas empresas, a través do apoio integral que lles proporcionará a nova Estratexia PEME, con 2,5M€ para desenvolver accións de formación, bonos de innovación ou accións de sensibilización e divulgación, así como follas de ruta individuais.
Ademais, mantense o compromiso co desenvolvemento da Industria 4.0 para contar cun tecido de maior tamaño e que aposte máis pola internacionalización e a diversificación: “Con máis de 45M€ para apoiar novos investimentos e ampliar os existentes e 34M€ para ferramentas que permitan reforzar as capacidades competitivas das empresas galegas”.

PUBLICIDADE