Educación e NTT Data lanzan a 3ª edición do Mestrado de FP Dual en IA e Big Data

martes, 19 de decembro do 2023 S. P.

A Consellería de Cultura e Educación e a empresa NTT Data porán en marcha en 2024 a terceira edición do Mestrado (Master) de FP Dual en Intelixencia Artificial e Big Data. O conselleiro Román Rodríguez, e o director executivo (CEO) da compañía en España, Víctor López-Barrantes, asinaron este martes 19 de decembro o convenio para a reedición desta formación no Instituto IES Fernando Wirtz Suárez da Coruña.
Rodríguez fixo saber que “este tipo de acordos son a base para que as ensinanzas de FP Dual colleiten unha empregabilidade de case o 100%”.
E engadiu: “Apostamos por combinar a formación da maior calidade nos centros coa cualificación que ofrece a experiencia de estar nunha empresa, asimilando en tempo real as novidades que se producen no sector”, salientou. “Isto é especialmente relevante nun ámbito como o da intelixencia artificial, que se actualiza día a día”, destacou.
O Mestrado oferta 20 prazas e conta con 600 horas lectivas de formación curricular, 400 delas (o 67%) desenvolveranse no Instituto IES Fernando Wirtz Suárez e as 200 restantes (o 33%) na empresa.
Durante a súa realización, os alumnos fórmanse en competencias como a programación e a aplicación de sistemas intelixentes que optimizan a xestión da información e a explotación de datos masivos, sempre respectando o acceso seguro así como os principios éticos e legais establecidos.
Trala sinatura do acordo Rodríguez conversou coas alumnas e alumnos que están a cursar agora esta formación e con parte dos da primeira promoción, dos que o 60% están a traballar na empresa NTT Data.
Tamén engadiu que o dito Mestrado ofértase este curso en catro centros. Deles, o Fernando Wirtz é o único que o oferta tanto na modalidade ordinaria como en FP Dual. O Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) ten tamén en marcha un proxecto dual neste mestrado.
A maiores, o Instituto IES de Teis (Vigo) impárteo en dous grupos, un ordinario presencial e outro a distancia, e o IES San Clemente de Santiago de Compostela un grupo a distancia.

PUBLICIDADE