Educación intercambia coñecemento co sistema tecnolóxico-formativo irlandés

luns, 21 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, estivo estes días afianzando as ligazóns no eido formativo cos membros da comunidade estudantil irlandesa. O programa de materias a tratar, amplo abondo, xirou en boa medida sobre os pasos que se están a seguir en ámbolos sistemas educativos (o irlandés e o galego) no camiño da innovación do fondo e a feitura da achega formativa. Ou sexa: de cómo se pode tirar partido das novas tecnoloxías (amplamente espalladas naquel país e mesmo no eido rural, que é onde precisamente é deficitaria Galiza) para mellorar o proceso educativo e o miolo mesmo da educación.
Neste interese por compartir coñecemento novo é onde se insire o encontro de Sánchez Piñón co director de Instituto de Tecnoloxía en Dundalk, Denis Cummins, con quen a conselleira coincidiu á hora de salientar a necesidade de mellorar ao máximo as respectivas ofertas educativas en materia de ciencia e tecnoloxía e, asemade, animar a un meirande número de alumnas e alumnas a cursalas.
A idea, entre outras, é a de contrarrestar na medida do posible un proceso que é común a toda Europa: o retroceso experimentado na solicitude de prazas para os estudos de tipo científico, algo que no Instituto de Tecnoloxía de Dundalk se está a traducir nunha caída á metade do alumnado que opta polas materias ligadas á investigación que achega o dito centro: pasouse de 15.000 alumnos a 600, “sen que se teña reduciu a demanda destes profesionais”.
Denis Cummins, sinala Educación nun comunicado, salientou que case o 50% deste alumnado provén de familias de renda media/baixa e que entre os seus obxectivos máis próximos está incrementar esta porcentaxe ata o 70%. O director do centro aproveitou o encontro coa conselleira para incidir na capacidade de adaptación da achega educativa do centro de Dundalk aos requirimentos da sociedade. Ditou doutro xeito: fixo fincapé no que -ao seu xuízo- é o camiño a seguir por calquera sistema educativo que queira vivir ao tanto dos recursos que a Sociedade da Información pon ao seu alcance: o camiño de relacionar o especificamente tecnolóxico con cuestións que a priori pouco teñen que ver. Como por exemplo a sanidade.

PUBLICIDADE