Efelcren, seleccionado para participar nun evento internacional pola súa aposta tecnolóxico-educativa

luns, 1 de decembro do 2008 Raquel Noya

Beatriz Cebreiro, coordinadora do proxecto europeo EFELCREN

Efelcren, seleccionado para participar nun evento internacional pola súa aposta tecnolóxico-educativaO proxecto educativo Efelcren (acrónimo da tradución ó inglés de “Entornos educativos flexibles e creativos”), financiado pola Comisión Europea e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser seleccionado para participar, mañá martes día 2 de decembro, en Madrid, na Conferencia Nacional Temática e Feira de Valorización de Produtos de Proxectos Europeos sobre Competencias Básicas que organiza o Organismo Autónomo Programas Educativos Europeos (OAPEE) como Axencia Nacional para o Programa de Aprendizaxe Permanente. Esta entidade seleccionou ao equipo compostelán como exemplo de boa práctica para este encontro, ao que acode convidada para mostrar o traballo realizado.
Coordinado polo Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC que dirixe a profesora Beatriz Cebreiro, Efelcren é un proxecto cofinanciado pola Comisión Europea no marco do programa Socrates/Comenius 2.1 que reuniu a investigadores, formadores de profesores, profesores, técnicos e estudantes de TIC para identificar as mellores estratexias de ensino, crear e avaliar materiais de aprendizaxe a distancia que inclúen en múltiples idiomas contido interactivo como simulacións, multimedia ou vídeo clips.
Asemade, o grupo identificou exemplos de boas prácticas que foron categorizadas mediante unha base de datos en liña no Centro de Recursos, o que facilita o seu uso a outros profesores así como a súa adaptación ás súas propias necesidades. Deste xeito, profesores de diversas áreas e países poden atopar de xeito doado diferentes recursos didácticos de gran calidade á súa disposición listos para ser utilizados a través desta ligazón. O proxecto rematouse este curso e ábrese a toda a comunidade científica e educativa.
Como socios deste proxecto participan o Centro de Supercomputación de Galicia, o Trinity College (TCD-Irlanda), o Centre of Information Technology of Education (ITC-Lituania), o Instituto per lle Tecnologie Didattiche (Génova- Italia), o Haslev Seminarium (Dinamarca) e o Euneos Corporation (Finlandia).

PUBLICIDADE